O décimo aniversario do FICBUEU "pecha un primeiro ciclo da historia do certame onde fomos camiñando ata converternos nun evento de marcado carácter internacional", xa que no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu "pódense ver as mellores curtas feitas no mundo no último ano".
Así o expresou esta mañá o seu director, Manuel Pena, durante a presentación do FICBUEU 2017 -que se desenvolverá do 9 ao 16 de setembro- na que tamén participaron representantes do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, principais institucións cofinanciadoras.
Alén da alta calidade dos filmes que se proxectarán no Centro Social do Mar, Manuel Pena salientou novidades como a diversificación de espazos, destacando o demandado punto de encontro que se establecerá na veciña sala Amalia Domínguez, onde o público poderá reunirse para comentar as curtas, atoparse cos directores nas presentacións e coloquios ou gozar da exposición "10 anos de cine".
Ademais, os cineastas pasarán varios días na vila para participar de diferentes actividades. A maiores, refórzanse as propostas paralelas de ocio, gastronomía, contos, concertos, etc. "sempre buscándolles unha vinculación co mundo do cinema".
En canto ás proxeccións, que abranguen un cento de curtas de corenta países, ás habituais Selección Oficial e Galicia únese este ano unha terceira sección competitiva para as obras españolas. O resto de pases e actividades serán de balde, agás o espectáculo de maxia.
O director do FICBUEU destacou tamén o protagonismo que terá este ano a radio en directo, coa realización de varios programas de ámbito estatal, a entrega dun Premio de Honra aínda segredo e mais o encontro co actor Antonio Durán ‘Morris’ na xornada inaugural.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal apuntou pola súa banda que o FICBUEU "foi quen de avanzar, introducindo novos elementos que o fan máis atractivo e ilusionante, sen perder a súa esencia: a popularidade, pois trátase dun festival que está destinado ao conxunto da cidadanía".
Tamén o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, sinalou coma unha das chaves do éxito do certame que "comezou desde abaixo, xerando primeiro un público local e comarcal que dá vida á vila durante toda a semana". O feito de ser "un festival multidisciplinar, que inclúe un labor formativo" valeulle o apoio da Deputación de Pontevedra, que ademais colaborará co concerto das Tanxugueiras na festa de peche.
Do mesmo xeito, o director da Agadic, Jacobo Sutil, valorou a "mentalidade de non acomodarse, de seguir mellorando ano a ano" con novas propostas, como un dos factores para que o certame conte con apoio autonómico, a maiores da alta calidade da programación.