O festival Revenidas de Vilaxoán presenta a súa edición máis completa, que se celebrará do 19 ao 21 de agosto

Pontevedra
28 de xuño 2016

O festival terá dous escenarios nos que soarán, entre outros, os ritmos balcánicos da banda romanesa Fanfare Ciocarlia, unha das pioneiras e máis recoñecidas no seu estilo; o rapeiro brasileiro Gabriel El Pensador, toda unha institución musical no seu país; o ska festeiro do grupo italiano Talco; o rock reivindicativo dos valencianos La Raíz; e os temas contundentes de Russkaja, a banda austríaca de maior repercusión internacional

Presentación do festival Revenidas de Vilaxoán 2016
Presentación do festival Revenidas de Vilaxoán 2016 / Deputación Provincial de Pontevedra

Gastronomía, circo, feira de creatividade e artesanía, obradoiros, o Xoubiñas Festi, solidariedade, compromiso e moita música. Todos estes ingredientes dan forma ao cartel da 13 edición do festival Revenidas de Vilaxoán, que se celebrará entre os días 19 e 21 de agosto en Vilagarcía de Arousa cunha programación de máis de 30 concertos, os principais de pago, e 40 actividades de balde para todos os públicos.

O evento, integrado na marca Festivais Rías Baixas da Deputación provincial, presentouse este martes na praia do Preguntoiro con tantas novidades que os organizadores xa falan de que é a edición máis completa do tamén coñecido como Festival das Línguas. A nivel musical, o público poderá escoitar cancións en galego, castelán, catalán, euskera, inglés, portugués, austriaco, ruso, rumano ou italiano.

O festival comeza este venres 1 de xullo a partir das 21.30 na praza da Peixería en Vilagarcía coa final do III Concurso de Grupos Emerxentes Revenidas, unha actuación na que tocarán as bandas viguesas Lamprea Explosiva e Os Vacalouras, Leda Atómica de Cambados, Canto Crú de Vilagarcía e Skalingrado de Ourense. Pero os actos centrais serán en agosto.

O festival terá dous escenarios nos que soarán, entre outros, os ritmos balcánicos da banda romanesa Fanfare Ciocarlia, unha das pioneiras e máis recoñecidas no seu estilo; o rapeiro brasileiro Gabriel O Pensador, toda unha institución musical no seu país; o ska festeiro do grupo italiano Talco; o rock reivindicativo dos valencianos La Raíz; e os temas contundentes de Russkaja, a banda austríaca de maior repercusión internacional. Haberá tamén unha destacada representación galega, con nomes como Malandrómeda, Familia Caamagno, Poetarras, O Sonoro Maxín ou Cuchufellos.

A programación completa do festival e algunhas sorpresas por anunciar daranse a coñecer na web do festival. O prezo dos bonos para os tres días estará a 30 euros ata o 1 de xullo e a organización habilitará varias zonas de acampada libre para as persoas que dispoñan destes bonos. 

O festival volverá desenvolverse arredor de dúas localizacións principais: o recinto pechado onde se instalarán os escenarios Mahou e Turismo Rías Baixas para acoller os concertos de pago; e o parque Dona Concha, no porto de Vilaxoán, onde terá lugar a meirande parte das actividades de balde para todos os públicos. Entre estas últimas, destaca a Sardiñada Popular, o Xoubiñas Festi para os máis pequenos, a Gala Solidaria do Circo, a feira de artesanía, intervencións artísticas para conmemoras o Ano Castelao, ou actividades en embarcacións co obxectivo de difundir o patrimonio cultural mariñeiro. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, aplaudiu a idea de quen puxo en marcha este festival que "pon en relevo a língua e a nosa cultura, a música, pero tamén o encontro, a convivencia e uns espazos tan fermosos abundantes en Vilagarcía e en moitos lugares do Salnés". O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou que se trata dun festival que "xa é unha referencia".

O responsable da Agadic, Jacobo Sutil, considérao un festival de primeira orde que, a partir da súa orixe en 2003 como unha festa popular dos mozos de Vilaxoán, soubo profesionalizarse desde a simbiose entre cultura e turismo, así como entre a defensa da tradición popular e a mirada aberta ao mundo, mentres que Xoán Quintáns, un dos organizadores, destacou "a completa programación de actividades para todos os públicos, nun entorno que convida ao disfrute do mar, gastronomía, música e amizade".