O adianto do Festival Revenidas 2016 confírmano como un dos eventos culturais do verán galego. Dende a organización destacan a ambiciosa programación musical e de actividades paralelas deste ano.
"O esforzo de por en marcha un festival que atrae a miles de visitantes non sería posible sen o apoio do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Axencia Galega de Industrias Culturais e a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra que nos incluíu na marca Festivais Rias Baixas así como as entidades privadas e asociacións que nos axudan a mantelo máis vivo ca nunca", afirman os organizadores do Revenidas16.
RUSSKAJA POR PRIMEIRA VEZ EN VILAXOÁN
O primeiro avance das bandas presentes no Revenidas16 convertirano nunha festa musical e familiar e nun dos referentes culturais de Galicia durante o terceiro fin de semana de agosto, 19, 20 e 21 de agosto.
Por primeira vez en Vilaxoán, unha das bandas con metais máis importantes de Europa Central, Russkaja liderada polo ruso Georgi Makazaria e formado por membros austriacos e rusos, traerá o seu potente directo coa presentación do seu último disco “Love & Russian Roll”. As miles de persoas asistentes bailarán a mestura rock, ska, folk e punk de Talco, unha das bandas italianas máis internacionais da actualidade.
Dende Valencia, o directo da historia recente do rock estatal con La Raíz.
E no Festival das Línguas tamén poderase escoitar o sotaque catalán con Itaca Band e Aspencat, que con máis de 500 concertos ás costas continúan explorando novos territorios entre o reggae, dancehall e o dubstep.
Galicia estará presente nos escenarios de Vilaxoán a través dos ritmos electrizantes de Cuchufellos, O Sonoro Maxín, Os tres trebóns, Malandrómeda, Falperrys ou dos recentes gañadores do III Concurso Revenidas de Música Emerxente, os coruñeses Ezetaerre e os composteláns DeLombaos.
As primeiras bandas confirmadas adiviñan días intensos e animados. En total 32 concertos con diversos sons que convidan ao baile no Festival das Línguas. Reggae, rock, pop, ska, cumbia, fusión, folque con letras en galego, castelán, catalán, ruso, alemán, portugués, inglés…
Os primeiros bonos para os tres días do festival xa están á venda ata o 15 de xuño por tan só 25 euros. Posteriomente e á medida que se confirmen o resto das bandas subirá o prezo do bono e abrirase o período para a venda de entradas soltas anticipadas. Todos os que merquen entradas disporán da opción de adicar 1 euro a unha ONGD que traballe coas persoas refuxiadas.
UN FESTIVAL FAMILIAR
Falar de Vilaxoán é falar das Revenidas, como ben dín os versos de Gonzalo Bouza-Brey: "ben ricas son as xoubas xa maiores as sardiñas, pero como están máis boas, en Vilaxoán Revenidas". A tradición de Vilaxoán é disfrutar do sábado en familia coa Sardiñada Popular Revenidas no parque de Dona Concha. Este é o espazo onde se realizarán a meirande parte das 35 actividades paralelas e de balde que completarán a programación do Revenidas16.
Actividades para todos os públicos como a Gala Solidaria de Circo, unha Feira de Creatividade e Artesanía, Exposicións, zonas de acampadas e moitas máis sorpresas.