O festival de narradores Sete Falares celebra en Santa Clara a súa décima edición

Pontevedra
31 de maio 2022

O programa comeza este sábado coa inauguración ás 21 horas a cargo de Paula  Carballeira e continuará ata o día 11 co espectáculo de nove contacontos de Galicia, Portugal, Cantabria e o norte de África

Carme da Silva e Tereixa Alonso, de Pavís pavós, presentan Sete Falares
Carme da Silva e Tereixa Alonso, de Pavís pavós, presentan Sete Falares / Diana Eiras

A actividade cultural en Santa Clara non cesa. O festival de narración oral Sete Falares, que este ano celebra a súa décima edición, trasládase ao histórico convento cunha programación de sete días nos que nove contadores relatarán historias para o público familiar e adulto.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, acompañada pola responsable de Pavís Pavós Tereixa Alonso, presentou o programa deste festival que comezará este sábado coa inauguración a cargo da contadora Paula Carballeira ás 21 horas. "Había que darlle un pulo á tradicion oral, e así decidimos traer contos a Pontevedra", explicou Alonso.

O día 5, a programación continuará coa narración de Lorena Pinheiro, á que lle seguirá Vero Rilo o luns 6, Ana Carreira o martes 7 e María da Pontragha e Fernando Guerreiro o mércores 8. Todas estas actuacións serán ás 21 horas na igrexa de Santa Clara.

A partir do xoves, a actividade intensifícase con varias actuacións ao día. Así, ás 18 horas serán os contadores de Pavís Pavós os que realicen un espectáculo para o público familiar. Os demais están pensados para un publico adulto. O mesmo xoves, ás 20 horas, será a quenda para Paula Carballeira, Alberto Sebastián e Mohamed Hammú.

O venres está prevista a intervención de Fernando Guerreiro ás 18 horas, de María da Pontrgha a loas 20 horas e, para pechar a xornada están programadas catro paseos pola cidade na que cinco narradores aproveitarán as paradas para contar as súas historias. Haberá saídas cada vinte minutos a partir das 22 horas en quendas de sesenta persoas, para o que será preciso inscribirse previamente de forma gratuíta no propio convento a partir das 21.30 horas.

O festival concluirá o día 11, cunha sesión vermú no claustro de Santa Clara a cargo do cántabro Alberto Sebastián ás 13 horas. Pola tarde, Mohamed Hammú contará as súas historias a partir das 19 horas e ás 21 horas está prevista clausúraa do festival.

Aínda que é a décima edición do festival, será a primeira vez que se realice en Santa clara e a concelleira da Silva confía en que sirva para cambiar a tendencia porque "cada vez que se programa Sete Falares, chove", chanceou a nacionalista que confía no poder místico do convento para despexar as borrascas. 

Sobre o elenco, explicou Tereixa que realizaron unha "coidada selección de contadores de gran calidade". Entre eles atópanse narradores galegos, pero tamén do país veciño como Fernando Guerreiro, ou o " apátrida, nómade e bereber Mohamed Hammu. De Cantabria chega Alberto Sebastián.