O Festival de Jazz, "un patrimonio de todos os pontevedreses"

Pontevedra
15 de xullo 2024

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra chega este ano á súa trixésima edición e para celebrar este aniversario contará con artistas como con Richard Bona, Jeff Cascaro ou Rick Estrin & the Nightcats

Demetrio Gómez, José Antonio Ortiz e Paco Charlín
Demetrio Gómez, José Antonio Ortiz e Paco Charlín / Mónica Patxot

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra chega este ano á súa trixésima edición e para celebrar este aniversario contará con artistas como con Richard Bona, Jeff Cascaro ou Rick Estrin & the Nightcats.

Esta cita cultural "consolidada" enmarcada nas Festas de Verán do Concello de Pontevedra presenta unhas máis que recoñecibles sinais de identidade: por unha banda a súa decidida aposta pola promoción do talento emerxente e por outra, a súa consolidación na escena internacional, conseguindo que recalen na Boa Vila figuras de clase mundial. 

O director do festival, José Antonio Ortiz e o responsable do Seminario Permanente de Jazz, Paco Charlín, xunto ao concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentaron este luns o cartel deste evento "grande e cercano" que ten por escenario a emblemática Praza da Ferraría. 

Por ela pasarán tanto bandas lideradas por músicos galegos que xa despuntan nos carteis de clubs e festivais de todo o mundo coas súas propostas vangardistas, como outras formacións que apostan por opcións máis íntimas e persoais; sen descoidar, a oferta dun jazz máis ortodoxo, combinado con actuacións de bluesmen que son referentes dentro da escena mundial.

Todo iso, como sempre, sen custo algún para o público, tendo en conta que a entrada a todos os espectáculos programados será gratuíta.

"O Festival de Jazz é patrimonio de todos os pontevedreses", destacou José Antonio Ortiz.

O festival comeza o luns 5 de agosto ás 22.30 horas co concerto de Iago Banet, un músico galego residente en Londres desde hai 10 anos cun estilo que se caracteriza por tocar baixos, acordes e melodías ao mesmo tempo, "one man band", dando a impresión de haber máis dun intérprete no escenario. 

Neste mesmo escenario actuará a continuación o grupo pontevedrés Antilia composto pola guitarra de José Churruca, a voz de María Costas, Jacobo González aos teclados, Carlos Braga co baixo eléctrico e Miguel González á batería.

O martes 6 de agosto será o concerto de Sempasúchil, que é o nome dunha flor mexicana e unha inspiración para o vibrafonista Ton Risco, a guitarra de Antonio Casado, o contrabaixo de Alfonso Calvo e a batería de Miguel Cabana. Eles interpretan un jazz accesible e inspirado desde unha óptica pop. 

O mércores 7 de agosto, como sempre ás 22,30 horas, actuará Rick Estrin & the Nightcats, unha banda estadounidense de blues eléctrico formada en 2008, liderada por Rick Estrin (voz e harmónica) e composta por Kid Andersen (guitarra), Lorenzo Farrell (baixo) e Derrick "D’Mar" Martin (batería). 

Para o xoves 8 de agosto espérase ao cantante e trompetista alemán Jeff Cascaro, que emocionará ao público cunha combinación única de jazz, soul e blues. 

O encargado de pechar este Festival será o camerunense Richard Bona, un dos máis destacados baixistas e compositores internacionais. A súa música combina jazz e afropop, reflectindo as súas raíces africanas. Na Ferrería actuará acompañado do pianista Alfredo Rodríguez e do batería Michael Olivera.

Pola súa banda, a Street Band Chivinjazz será a encargada de levar o jazz a distintos recunchos da cidade, con dous pasarrúas diarios.