O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, deu a coñecer que o Festival Chalana, traerá o día 2 de agosto na parroquia de Samieira, o espectáculo da Orquestra Panorama.
Unha xornada máis tarde, o día 3, será a quenda de Raxó, a onde chegará o artista andaluz Álvaro de Luna.
Tal e como explica Martínez Blanco, o Festival Chalana mantén a filosofía pola que aposta o Concello de Poio á hora de expandir os concertos por todas as parroquias do municipio. "Esta iniciativa amplía a oferta do mes de agosto, xa que non hai que esquecer que entre os días 23 e 27 de agosto terá lugar unha nova edición da Festa do Mar de Combarro", sinalou.
Estas dúas actuacións darán continuidade a outras citas que forman parte do Verán en Poio, como é o caso do Festival Chalaniña, que se celebrará en Lourido do 27 ao 30 de xullo, cunha programación pensada especialmente para as crianzas e para ser gozada en familia.
O titular de Festexos ten claro que propostas deste tipo axudan a dinamizar a actividade turística, comercial e social do concello en pleno verán, reforzando a súa imaxe como destino turístico.
O ‘Verán en Poio’ comezará, como xa é habitual, no mes de xuño, coas tradicionais Festas de San Xoán, que se desenvolverán entre os días 22 e 26 de xuño. As actuacións e concertos prolongaranse ata mediados de setembro, concretamente ata os días 16 e 17, cunha nova edición da Festa da Ameixa.