Un ano máis, PortAmérica marca a diferenza. O festival, que por segunda edición consecutiva se celebrou na carballeira de Caldas de Reis, volveu a ser unha simbiose perfecta entre música e gastronomía.
Miles de persoas deixáronse impregnar do espírito 'portamericano' e, ao longo de tres intensos días, gozaron cos concertos dos artistas e bandas máis importantes do panorama 'indie' en España e Latinoamérica.
O festival PortAmérica baixou o pano este sábado cunha oferta musical na que, por encima de todo, destacaron Xoel López que, acompañado da súa banda, ofreceu un directo para o recordo; os peruanos We The Lion, que fixeron saltar á carballeira co seu enérxico 'indie-folk' ou os máis esperados da noite, Izal, que triunfou ante un público entregado.
Pardo, Luis Brea y el Miedo, Jacobo Serra, Pasajero, Los Coronas co seu rock instrumental, El Columpio Asesino, Shinova e os DJ Elyella animaron unha festa que se alongou ata altas horas da madrugada.
Foi un perfecto broche de ouro para un festival que, na noite do venres, vivía o seu día grande co regreso á carballeira de Vetusta Morla, dez anos despois da súa actuación en Cultura Quente, a que segundo recoñece a banda foi a súa primeira vez ante tanta xente.
Ninguén como eles conectan tan ben co público festivaleiro e, unha vez máis, demostraron que o seu é, con fartura, un dos mellores directos do panorama nacional. Iso si, non quedaron atrás as bandas e artistas que lles acompañaban como Viva Suecia, La habitación roja, Neuman, Miranda!, WAS, La vida boheme, Isseo & Dodosound ou Arturo Paniagua DJ.
A primeira xornada, a do xoves, mostrou o poderío da escena musical alternativa con propostas tan interesantes como a irlandesa Imelda May, que ofreceu un dos concertos que máis se lembrarán neste PortAmérica; ou dúas bandas chegadas do outro lado do Atlántico: Los auténticos decadentes e Jenny and the Mexicats, que brillaron nos seus respectivos directos.
O colectivo punk feminista Pussy Riot, o ska e a rumba catalá de La Pegatina, os ritmos fusión de Los Caligari, a música electrónica dos colombianos Mitú ou o músico panameño Carlos Méndez completaron o cartel no arranque do festival.
Pero, como non podía ser doutra forma, PortAmérica non só foi música. A cita tamén foi unha oportunidade para comprobar a súa relación coa riqueza culinaria galega, nacional e latinoamericana. Foi a través do ShowRocking, dirixido por Pepe Solla, que durante tres días ofreceu suculentos pratos preparados por unha trintena de prestixiosos chefs.
Andoni Luís Aduriz, unha referencia en todo o mundo polo seu traballo en Mugaritz, estivo á fronte dunha lexión de cociñeiros que incluíu a Pablo González (Cabaña Buenavista), Diego Guerrero (DSTAgE), Roberto Guerrero (Punto MX), Paco Morales (Noor), Maca de Castro, Yolanda León (Cocinandos), Begoña Rodrigo (La Salita) ou Germán Espinosa (Fonda España).
Tamén cociñaron no ShowRocking o mexicano Edgar Núñez (SUD777), o portugués Kiko Martins (A Cevichería), o panameño Mario Castrellón (Maito), o arxentino Estanis Carenzo (Sudestada) ou o peruano Christian Bravo (Bravo Restobar).
A cociña galega estivo representada por Yayo Daporta, Javier Olleros (Culler de Pau), Xoán Crujeiras (Bido), Julio Sotomayor y Daniel Guzmán (Nova), Lucía Freitas (A Tafona), Beatriz Sotelo, Diego López (La Molinera), Álvaro Villasante (Paprica), Roberto Filgueira (O Balado), Antonio Botana (Pandemonium), Iñaki Bretal (O Eirado) e Pablo Romero (Vinoteca Vagos).
PortAmérica mantivo, por outra banda, a súa aposta pola creatividade local organizando un novo mercado de creadores e, durante toda a fin de semana, foron máis que visibles as campañas de concienciación contra as violencias machistas, impulsadas na colaboración coa Deputación de Pontevedra.