O espectáculo 'Memorias dun neno labrego' de Candido Pazó abre tres días de Feira do Libro en Soutomaior

Soutomaior
20 de abril 2024

A programación continúa o sábado 27 na Alameda de Talo Río coa Feira do Libro en si, que estará aberta de 10:00 a 21.00 horas. O Concello de Soutomaior vai habilitar unha carpa con distintos espazos. O domingo a festa chegará por primeira vez a casa do pobo do Val Sobral

Presentación da Feira do Libro de Soutomaior
Presentación da Feira do Libro de Soutomaior / Concello de Soutomaior

Soutomaior súmase á celebración do Día do Libro, que se conmemora cada 23 de abril, e ten todo listo para a terceira edición da Feira do Libro en Soutomaior, que inclúe tres días de actividades na Biblioteca Municipal Luís Seoane, en Talo Río e na Casa do Pobo do Val Sobral

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, presentaron a ampla programación, que se estreará en Arcade o propio 23 de abril.

Será ás 20.30 horas na Biblioteca Municipal Luís Seoane, coa representación de ´Memorias dun neno labrego´, un espectáculo dirixido e protagonizado por Candido Pazó a partir da novela de Xosé Neira Vilas do mesmo nome. 

A programación continúa o sábado 27 na Alameda de Talo Río coa Feira do Libro en si, que estará aberta de 10:00 a 21.00 horas. O Concello de Soutomaior vai habilitar unha carpa con distintos espazos.

  • O Espazo Editorial acollerá sete empresas editoriais, Antela, Patas de Peixe, Edimaes, Hércules Editora, BoadiceaEditora, Cuarto de Inverno e Belagua Ediciones.
  • O Espazo Lector acollerá charlas coloquios e presentacións de libros. Masha Álvarez presentará Dakota; haberá a charla coloquio ‘Mulleres galegas que fan historia’ de Isabel Blanco; Kiko da Silva presentatrá Banda deseñada cando sopra o vento; Manuel Darriba e a ilustradora Aida Alonso presentarán Pedro, o piloto de gaivotas; Pepe Carreiro presentará Universo Bolechas; e Iria Aldegunde presentará a memoria gráfica de Memorias dun neno labrego.
  • O Espazo Enreda terá xogos e actividades de dinamización da Feira.
  • O Espazo Escenario acollerá os espectáculos ‘A libraría máxica´, de Bea Campos e Marcos Alonso; ´Travesías. Aventuras de libro´ de Raquel Queizás; e ‘As máis molonas de Pakolas´ de Paco Pakolas.
  • O Espazo Artístico ‘00’ permitirá botar a voar a creatividade, diversidade, pluradidade,, responsabilidade, receptividade e compromiso para visibilizar o diferente.
  • O Espazo a túa biblioteca! Biblioteca Municipal ´Luís Seoane´ vai permitir conversar, compartir e asociase.
  • Servizo de Bebeteca, destinado a nenas e nenos de 0 a 3 anos, cun horario de 10:00 a 20:00 horas. 

Na xornada do domingo o escenario da mañá continuará sendo Talo Río con varias citas entre as que destaca unha charla coloquio sobre a lingua galega ou unha sesión vermú protagonizada por ‘Covers Lovers’.

Xa pola tarde, a Feira do Libro chegará por primeira vez á Casa do Pobo do Val Sobral coas actividades, xogos e contacontos de Bibliofogar

Silvia Cernadas amosou a súa satisfacción coa programación deste ano, que por primeira vez, chegará á parroquia de Soutomaior, e avanzou que o Concello vai seguir traballando a inclusión e a diversidade para que todos os públicos, desde os bebés ata os maiores, poidan gozar do libro e da lectura.

Dende o Concello animan a compartir o evento nas redes sociais a través do hashtag #FeiraDoLibroDeSoutomaior

Podedes acceder a toda a programación da Feira do Libro a través da seguinte ligazón: https://qrcd.org/53Am