Con chucherías sobre a mesa e unha conversa na que non faltaronn a literatura, o ensino, a lingua, os valores e moito amor, nunha escena que ben podería recrear cualquer encontro no salón da casa de María Victoria Moreno, pero trasladada a unha terraza da Alameda. Así se deu a coñecer este xoves O escalón de Ulises, un libro da escritora e xornalista Montse Fajardo que no seu propio subtítulo recolle o mellor resumo do contido que se vai a atopar o lector, "a Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros".
O escalón de Ulises é a última publicación do programa municipal A Memoria das Mulleres, que nesta ocasión achégase á figura dunha muller que podería ser paradigma das "pioneiras, heterodoxas e rebeldes" que deixou a historia de Pontevedra: a escritora e profesora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2018.
A publicación presentarase ao público este sábado ás 19.00 horas no barrio de Campolongo, nun enclave próximo á igrexa de San José. Antes, a súa autora e o concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra, Luís Bará, quixeron dar a coñecer as primeiras pinceladas aos medios de comunicación. Para iso, elixiron como compañeiras de viaxe á filla da escritora, Begoña Llácer Moreno, e a unha das súas amigas, Sara Estévez.
Editáronse 2.000 exemplares que non se poñerán á venda, senón que se distribuirán nesta presentación e destinaranse ao instituto Gonzalo Torrente Ballester no que investiu os seus últimos anos de docencia e para entregar entre asociacións, bibliotecas e todas as persoas e colectivos interesados en achegarse á outra María Victoria que non aparece no relato máis académico.
Sobre María Victoria Moreno e a súa traxectoria hai xa abundante bibliografía e a biblioteca aumentou este ano ao térselle dedicado as Letras Galegas, de modo que A Memoria das Mulleres quixo facer unha achega diferente e apostou polo que Luís Bará chama a "factoría Montse Fajardo", un libro que se achega á beira máis humana e persoal da homenaxeada, unha figura "poliédrica" que se podería entender sen achegarse a todas as súas facetas, a de nai, parella, profesora, loitadora contra as inxustizas, amante dos animais e, por suposto, escritora.
Con esta premisa, editouse un libro que, en realidade, é "un mapa dos afectos de María Victoria, dos seus ideais, dos seus valores, dos seus compromisos e da súa loita" e que xa desde o seu propio título quixo resaltar que, ante todo, e por encima de todo, a súa protagonista era profesora e transmitía coñecementos as 24 horas do día e en todos os seus contextos, tanto nas aulas como no seu tempo de lecer.
A elección de O escalón de Ulises como título explicouna Sara Estévez, unha moza que coñeceu a María Victoria con tan só sete ou oito anos un día sentada nun banco de Campolongo cando estaba chorando porque morrera o seu can. O amor polos animais uniunas como "un flechazo", ofreceuse a que pasease á que entón era a súa mascota, Alma, e "ya no me volví a separar de ella, era mi abuela postiza". Acompañábaa a pasear aos seus cans e tamén nunha das aventuras que máis define á escritora: as clases no "chanzo de Ulises".
María Victoria Moreno bautizou así ao chanzo agora desaparecido en Campolongo no que cada tarde xuntaba a todos os nenos do barrio que querían para contarlles a historia do heroe grego Ulises. Ela mesma converteuse na súa propia heroína e trasladáballes cada tarde a un lugar máxico, unha Ítaca na que ao principio poderían ir porque aquela amiga xenerosa lles compraba chuches, pero na que todos quedaban porque, como explica Fajardo, "era capaz de ensinar en calquera lugar".
O escalón de Ulises é unha obra coral na que en 30 capítulos falan 18 persoas que a quixeron e coñeceron en vida: a súa familia -fillo, viúvo e irmán-, os seus ex alumnos, os seus amigos…. A través deles, e enlazando referencias aos seus libros, constrúe un relato humano que mostra a María Victoria Moreno máis descoñecida, a súa capacidade de comunicación e de transmitir coñecementos e a súa xenerosidade desbordante.
Non faltan as referencias á lingua galega e a súa militancia en defensa dela a pesar de nacer en Valencia de Alcántara (Cáceres) nin tampouco mencións á súa bibliografía, pero o que mostra este libro son "aspectos da súa personalidade que non aparecen noutras biografías", profundando no seu corazón xeneroso e seguindo unha das ensinanzas que os seus ex alumnos sempre lembran que lles dicía: "non miredes tanto a métrica e medide os sentimentos do poeta".