'O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao Museo' é o título da exposición que dende este xoves 12 de setembro e ata o vindeiro día 11 de noviembre acollerá o Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
A comisaria desta exposición é Erea Castro que este mércores presentou aos medios esta mostra acompañada do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e a directora do Museo, Ángeles Tilve.
"Organizamos esta exposición ao tempo que acollemos o Congreso Nacional de Numismática, a máis importante reunión de numismática a nivel nacional", asegurou Domínguez, que quixo ademais aproveitar a ocasión para felicitar aos traballadores do Museo "polo seu traballo e pola súa calidade, que ten que ser un orgullo para todos os pontevedreses".
Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 27/10/1844–Santiago de Compostela, 31/07/1926) procedía da acomodada familia tudense Centeno y Cicerón, ligada á nobreza galega. Dedicoulle a súa vida ao dereito, á administración e á actividade política como xefe rexional de Galicia na Junta Nacional de la Comunión Tradicionalista, presidida polo marqués de Cerralbo.
O seu gusto e paixón polas artes e as humanidades levouno a atesourar unha vasta colección de obxectos, entre os cales destacan as xoias protohistóricas, con torques, diademas e aneis; machadas de bronce; moedas; medallas; documentos medievais e outras moitas pezas de diversas épocas. Este labor granxeoulle o seu recoñecemento como o coleccionista de maior relevancia para a historiografía da arte en Galicia, sen esquecer outros coetáneos coma Casto Sampedro, Francisco Pazos, Federico Maciñeira e Marcelo Macías, entre outros.
Ricardo Blanco Cicerón foi esencial no desenvolvemento da sociedade Viuda e Hijos de Simeón García de la Riva, precedente do que máis tarde sería o Banco Simeón. Entendeu a importancia de preservar o legado artístico galego, coñecer os achados arqueolóxicos que se producían no noso territorio e permitir o seu estudo e divulgación a aqueles que se introducían no que algúns denominaron "(…) o museíño do Señor Blanco Cicerón na Rúa da Senra, núm. 3".
Hoxe, o Museo de Pontevedra recupera a figura de quen Casto Sampedro definiu como "o meu amigo e terror de coleccionistas e arqueólogos e anticuarios pasados, presentes e futuros", un mecenas e custodio da arte galega, cuxas xoias constitúen grandes referentes nas coleccións de todos os centros museográficos de Galicia e do resto do territorio español.
A maioría das pezas presentes na exposición nunca foran expostas antes. Entre as que se poderán ver destacan, por exemplo, varios mobles monetarios; un grafoscopio monoestereoscópico, que se empregaba como lente de aumento; unha escolma de entalles e camafeos; os baleirados en xeso das columnas de San Paio de Antealtares que se atopan actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional; o raro Libro da Confraría do Cirial de San Ildefonso ou de Cambiadores da Catedral de Santiago (1429-1548), pertencente a un dos gremios máis antigos de Santiago de Compostela; así como varios lenzos de grande interese e exemplos da colección de medallas e moedas de Blanco Cicerón que actualmente se conservan no Museo de Pontevedra.
CONGRESO DE NUMISMÁTICA
A inauguración terá lugar este xoves ás 19:15 horas, coincidindo coa celebración do XVII Congreso Nacional de Numismática, que por primeira vez acolle Pontevedra. Desde este xoves e ata o sábado, profesionais procedentes de distintos ámbitos relacionados con esta disciplina participarán en mesas redondas e conferencias para abordar o futuro do estudo e a divulgación desta ciencia. Tamén se inclúen no programa arredor de 80 comunicacións de estudos recentes sobre coleccións, novos achados e proxectos de investigación en desenvolvemento, e outras actividades paralelas, como obradoiros infantís, visitas guiadas e un brinde de benvida coa actuación de Xisco Feijoo.
O congreso está organizado pola Deputación, a través do Museo de Pontevedra, e a Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos, baixo a coordinación científica do fiscal e investigador Antonio Roma Valdés.