O Museo de Pontevedra acolle este mes un ciclo de tres conferencias sobre a Semana Santa de Pontevedra, organizado pola Confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas.
A primeira das citas terá lugar este xoves 7 de marzo, ás 18:30 horas, no Edificio Castelao e o relatorio será impartido polo arqueólogo e antropólogo cultural Mateo Fontán Couto, quen falará das ‘Imaxes da Semana Santa pontevedresa na arte’. O acceso será libre ata completar a capacidade.
Fontán Couto explicará a dilatada historia da Pascua pontevedresa, que afunde as súas raíces en tempos medievais, para en 1949 dar paso ao actual cerimonial. No transcurso do tempo esta manifestación tradicional relixiosa deixou a súa pegada en diversas fontes artísticas: pintura, escultura, gravado ou debuxo. Na intervención, Fontán revisará os exemplos máis salientables da Semana Santa de Pontevedra na arte, así como realizará unha breve contextualización.
O ciclo continuará os dous seguintes xoves. O día 14 ás 19:30 horas, Paula Tilve Otero pronunciará a conferencia de ‘A Virxe da Piedade a través da colección do Museo de Pontevedra’. A responsable da área de Públicos do Museo de Pontevedra, falará da representación da piedade de María ante a morte do seu fillo Xesús, un dos temas esenciais do culto mariano na Igrexa católica, moi presente nos pasos procesionais da Semana Santa desde a Contrarreforma. Tilve Otero fará un percorrido artístico por obras de gran interese histórico-artístico da colección do Museo de diferentes épocas, moitas delas de artistas galegos como Gregorio Ferro Requeixo, Juan Luis López ou Castelao.
A última conferencia do ciclo vaina impartir José Luis Ageitos Míguez, membro do departamento de Educación do Museo de Pontevedra. Será o 21 de marzo, ás 19:30 horas, e nela repasará os 75 anos de historia da Confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas, da que é vicepresidente. A charla toma como punto de partida o 31 de marzo de 1949, cando durante os traballos que levaron á restauración da Semana Santa de Pontevedra, un grupo de persoas decidiron fundar unha nova confraría penitencial que se sumase a esta iniciativa.