O Edificio Castelao acolle un seminario no que se revisarán os estereotipos ligados á muller na historia da arte

Pontevedra
28 de febreiro 2024

A actividade, que se desenvolverá este xoves 29 de febreiro, servirá de punto de arranque da programación de primavera no Museo de Pontevedra

Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

A programación de primavera do Museo de Pontevedra bota a andar esta semana coa segunda edición do seminario 'Mulleres, feminismos, canon'.

Co tema 'Outras historias da arte', as tres conferencias deste ano achegaranse aos estereotipos ligados á muller nas manifestacións artísticas da Historia antiga e medieval e no papel dos museos para contribuír a novas lecturas sobre o rol da muller na historia e no presente

A actividade, que se enmarca na conmemoración do 8 de marzo, día internacional da Muller, terá lugar este xoves o 29 de febreiro, de 16:00 a 19:30 horas no Edificio Castelao.

O seminario encádrase nas liñas de investigación do Museo sobre a perspectiva de xénero e a necesidade de pensar novas narrativas nos museos do século XXI.

Está organizado en colaboración coa área de Antropoloxía social e cultural da Universidade de Vigo e nel participan como poñentes Isabel Izquierdo Peraile, directora do Museo Arqueológico Nacional (MAN), Mª Luz Neira Jiménez, catedrática de Historia Antiga da Universidad Carlos III de Madrid e Rosa M. Rodríguez Porto, investigadora na Universidade de Santiago de Compostela e profesora na Universidade do Sur de Dinamarca.

O obxectivo do seminario é debater sobre a importancia da perspectiva feminista na institución museística para cuestionar a perpetuación de determinados discursos que a museoloxía crítica propúxose revisar dende os anos noventa.

Cuestionar modelos historiográficos que exclúen ás persoas por razóns de raza, xénero ou clase é un dos retos éticos contemporáneos no ámbito dos museos, que avanzan paralelamente aos cambios que, nos últimos anos, permitiron afondar no recoñecemento do papel dos mulleres na historia. Trátase de reorientar estratexias; non só de dar presenza á muller nas coleccións, senón de revisar os discursos patriarcais sobre os que se constrúe a historia da arte.

TRES CONFERENCIAS

A primeira das conferencias será impartida pola directora do Museo Arqueológico Nacional (MAN), Isabel Izquierdo Peraile. Co título 'Os lugares das mulleres na historia: novas narrativas desde os museos do século XXI', Izquierdo falará dos avances dos museos no recoñecemento da muller na historia. Segundo Izquierdo, “darlle visibilidade á axenda feminina ao longo da historia e mediar cos diversos públicos dos museos ofrece grandes oportunidades no ámbito da educación patrimonial, especialmente para o público infantil e xuvenil, así como novas posibilidades de transformación social”.

A conferencia de Mª Luz Neira Jiménez leva por título 'Estereotipos femininos. A súa representación nos mosaicos romanos'. Nela explicará como xa na antigüidade clásica, os testemuños da cultura escrita e as manifestacións da cultura visual reflicten unha serie de estereotipos femininos, cuxa repercusión ao longo da historia chegou nalgúns casos ata os nosos días. Neira centrarase nos mosaicos, onde se documenta un amplo repertorio de figuras femininas, algunhas de carácter mitolóxico, que responden á consideración da muller na sociedade romana da época imperial: incídese no papel das esposas, nais, fillas, mulleres virtuosas, e nas súas antíteses, que representaban o modelo a evitar.

A terceira e última conferencia titúlase 'Lecturas femininas, Mulleres e libros na Baixa Idade Media'. Rosa M. Rodríguez Porto ofrecerá unha visión xeral da representación das mulleres lectoras na cultura visual baixomedieval, prestando especial atención á ilustración de libros devocionais e profanos. Analizaranse aqueles exemplos nos que as mulleres son representadas como autoras ou autoridades en termos intelectuais e discutiranse certos estereotipos sobre o que se considerarían 'lecturas femininas' na Idade Media.

O acceso ao seminario é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal

Arquivado en