O Edificio Castelao abre as súas portas para gozar da exposición de Ruth Matilda Anderson

Pontevedra
07 de agosto 2022

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra abriu este sábado as súas portas á exposición de Ruth Matilda Anderson sobre vestimentas galegas dos anos 20. José Luis Rodríguez e David Quiñones, farán visitas guiadas tódolos sábados de 10.30 a 12:00 horas ata o 16 de outubro, tempo que durará a mostra. Será en grupos de máximo 25 persoas e sen inscrición previa

Inauguración da exposición "Ruth Matilda Anderson: unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia'
Inauguración da exposición "Ruth Matilda Anderson: unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia' / Emi Ramírez

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra abriu este sábado as súas portas á exposición de Ruth Matilda Anderson sobre vestimentas galegas dos anos 20.

A mostra 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia', que está organizada en colaboración coa Hispanic Society de Nova York, que se encargou de aportar o material fotográfico, e comisariada pola pontevedresa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, conta coa reprodución de máis de 75 traxes fotografiados por Anderson nas súas viaxes a Galicia entre 1924 e 1926 por encargo da sociedade neoiorquina.

Deste xeito, a partir deste sábado estará aberta ao público esta exposición que será unha "auténtica experiencia" para "coñecer a Galicia dos anos 20 a través da lente da súa cámara e as anotacións do seu 'caderno de bitácora'.

A recopilación é froito de cinco anos de estudo, busca, análise e recuperación na que Sete Espadelas amosa unha compilación de vestimentas, que forman parte dos fondos da súa colección, para reproducir as fotografías de Ruth Matilda Anderson.

O proxecto supera as 1.000 prendas expostas, unha gran parte delas antigas ou reproducidas a partir de patróns e tecidos antigos acompañadas de ferramentas de traballo orixinais da época e de incalculable valor etnográfico. Implica, ademais, unha viaxe no tempo cen anos atrás, recuperando os vellos oficios xa esquecidos, as feiras, as romarías, os traballos no mar, no campo ou na vida cotiá a través dos ollos da artista.

As 150 imaxes que se amosan no Museo, lembran as leiteiras da comarca de Compostela reunidas na Rúa Nova ao amencer, as redeiras nos portos, os zoqueiros nas feira, as mulleres lavando ou transportando mercadorías na cabeza, entre outras situacións da vida rural galega de inicios do século XX.

Anderson captou a través da súa cámara as vestimentas daquel entón, a elegancia das mulleres en Muros, a roupa de faena, a representación do loito na vestimenta feminina ou os traxes de gala entre outros. A ourivería tradicional tamén espertou o interese da neoiorquina xunto cos pequenos detalles da roupa, os complementos ou os utensilios de traballo que formaban parte da estética diaria nas vilas e aldeas.

Con motivo da exposición, tamén está publicado un catálogo no que se recolle máis de 300 fotografías da americana, así como as dos traxes reproducidos para esta ocasión e diferentes pasaxes do seu caderno traducidos por primeira vez ao galego.

Tamén fai unha profunda análise do que significou e significa para a etnografía galega o traballo recollido pola fotógrafa neoiorquina. Os comisarios da exposición, José Luis Rodríguez e David Quiñones, farán visitas guiadas tódolos sábados de 10.30 a 12:00 horas desde este sábado ata o 16 de outubro, tempo que durará a mostra. Será en grupos de máximo 25 persoas e sen inscrición previa.