Se es dos que aínda non gozou co documental producido polo Concello de Pontevedra sobre a figura de María Victoria Moreno, tes a partir de agora a oportunidade de velo de maneira íntegra a través da rede.
Tras a súa presentación pública o pasado 27 de abril, o documental María Victoria Moreno, galega por amor xa se pode ver a través da canle municipal en Youtube.
O filme de 40 minutos percorre a vida e a obra da homenaxeada no Día das Letras Galegas e amosa o seu vencello coa cidade, da man de amizades e persoeiros da cultura como Fina Casalderrey, Xavier Senín, Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado ou Francisco Castro.
O documental foi obra das empresas Ovo Publicidade, Trisquelia, Era Comunicación e J. Aragunde, catro empresas da rede Pontevedra ten un puntazo, co obxectivo de recoller unha imaxe transversal sobre a vida e obra de María Victoria Moreno, a súa relación coa cidade, as súas amizades, familia, obras, etc. e, de xeito especial, coa lingua galega.
Entre os membros do equipo de produción, dúas persoas foron alumnos de María Victoria Moreno no IES Torrente Ballester.