O DJ pontevedrés Malaguita presenta o seu selo musical Certain Music Records

Pontevedra
07 de novembro 2015

Achegar á cidadanía e dar visibilidade a proxectos empresariais innovadores é o obxectivo das presentacións do programa "Pontevedra ten un Puntazo" que este venres arrincou na Casa da Luz

Presentación do selo musical Certain Music Records
Presentación do selo musical Certain Music Records / Concello de Pontevedra

Achegar á cidadanía e dar visibilidade a proxectos empresariais innovadores é o obxectivo das presentacións do programa "Pontevedra ten un Puntazo" que este venres arrincou na Casa da Luz.

O selo musical Certain Music Records foi o encargado de inaugurar este ciclo e de converter á música electrónica na protagonista absoluta da tarde-noite. Os asistentes puideron coñecer en primeira persoa cal é o proceso de creación dunha discográfica da man de José González "Malaguita", fundador deste selo pontevedrés. Malaguita destacou que "estamos felices porque a pesar da súa curta vida, Certain Music está recollendo tan boas críticas e esgotando a totalidade das copias da nosa primeira referencia musical".

Por outra banda, a artista lucense Annita Rivera, "Plástica", recoñecida no mundo da música electrónica por traballar con artistas internacionais como Jeff Mills e polos seus deseños para vinilos en selos independentes, afondou na importancia da integración do deseño na música electrónica, sobre todo a través das portadas dos discos.

O punto final da noite púxoo unha sesión a vinilos por profesionais de Certain Music, que encheu a Casa da Luz do mellor da música electrónica.

EXPOSICIÓN DE TABOAS DE SKATE E PORTADAS DE DISCOS

Todos os interesados en achegarse a coñecer máis de preto o traballo deste selo pontevedrés aínda teñen a posibilidade de visitar a exposición de portadas de discos e táboas de skate deseñadas por Plástica, Trinidad Tatoo, You_el, NiN9 Estencil, que acolle a planta baixa da Casa da Luz ata o domingo.