O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acollerá o próximo martes 20 de novembro, ás 20.00 horas, un concerto pola memoria histórica no que o compositor e músico Seso Durán, acompañado de catro músicos máis, interpretará temas do seu traballo Son da memoria.
Deste xeito, a Deputación continúa cos actos de reparación da memoria histórica que iniciara no ano 2016, con motivo do 80 aniversario do fusilamento en Campañó de dous presidentes e un membro da comisión xestora da Deputación de Pontevedra.
Este acto será gratuíto e aberto a toda a cidadanía, lembrando a condición de símbolo da soberanía do pobo do salón de plenos, e da que fora despoxada tras o golpe fascista, xa que nel se celebraban os xuízos e consellos de guerra e o actual edificio administrativo fóra usado mesmo como cárcere.
Xosé Manuel Durán, coñecido a nivel artístico como Seso Durán, asegura que o seu traballo Son da memoria naceu do contacto que tivo na súa infancia coas persoas vítimas da represión.
"Está centrado nas persoas que sufriron esa dor, do contacto directo que tiven de pequeno coas súas historias, estou seguro que sen ese contacto eu non sería quen de realizar este traballo", asegura o músico e compositor.
Son da memoria é un disco escrito e producido polo propio Seso Durán e xira arredor do que aconteceu a partir do golpe de estado de 1936, especialmente nas comarcas de Pontevedra, O Morrazo e Vigo.