O director do Museo intégrase nunha misión internacional de expertos en arte rupestre en Georgia

Pontevedra
13 de xullo 2019

Rey foi convidado pola Axencia Nacional Para a Preservación do Patrimonio Cultural de Georgia, pertencente ao Ministerio de Cultura. O obxectivo da misión internacional é aportar coñecemento sobre musealizacións e aplicalo a diversos xacementos do país georgiano 

José Manuel Rey, na súa presentación como director do Museo de Pontevedra
José Manuel Rey, na súa presentación como director do Museo de Pontevedra / PontevedraViva

O director do Museo de Pontevedra, Jose Manuel Rey, participará a partir deste luns 15 de xullo nunha misión internacional de expertos sobre arte rupestre en Georgia

A actividade, que se prolongará ata o sábado 21, centrarase en expoñer diferentes modelos de xestión e posta en valor de sitios de arte rupestre.

Rey foi convidado pola Axencia Nacional Para a Preservación do Patrimonio Cultural de Georgia, pertencente ao Ministerio de Cultura. O convite fíxollo directamente o director xeral de Patrimonio Cultura, Nikolov Antidze.

O obxectivo da misión internacional é aportar coñecemento sobre musealizacións e aplicalo a diversos xacementos do país georgiano, fundamentalmente os petroglifos 'Trialeti'. O goberno de Georgia ten previsto realizar varias visitas de traballo a escavacións e sitios, reunións técnicas e políticas (incluso ao máis alto nivel co primeiro ministro Mikkheilk Giorgardze), e unhas xornadas de dous días tituladas 'Arte Prehistórico en Europa-Georgia: dende o sitio aos usos turísticos'.

Ademais de Jose Manuel Rey irán técnicos do Museo de Altamira e da área de arqueoloxía en Extremadura, así como persoal responsable de diferentes sitios en Portugal e Azerbaijan.

O relatorio de Jose Manuel Rey, titulado 'Metodoloxía e experiencias ao longo de Europa no proceso de socialización dos sitios de arte prehistórica', abordará de forma específica diferentes modelos e actuacións de musealización e posta en valor de sitios con arte rupestre. Falará de sitios xestionados en Pontevedra, Galicia ou o resto de España, así como de experiencias de Noruega, Francia ou Italia.

Segundo explica o propio Rey este evento internacional servirá para reforzar os lazos de cooperación técnica en materia de Patrimonio Cultural entre os países que forman parte do Itinerario Cultural Europeo.

Arquivado en