O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, desprazouse ata Finlandia para asesorar sobre arte rupestre, unha das súas principais especialidades, ás cidades de Luakaa y Mikkeli.
Esta asesoría enmárcase no congreso ‘Rock art on the water’, que se celebra por primeira vez en Finlandia. Convidaron un grupo de expertos e este xoves foi a quenda de Xosé Manuel Rey.
Rey realizou un relatorio titulado ‘Costas, Ríos e Lagos. A presentación pública de sitios de arte rupestre ao aire libre en Europa: modelos teóricos, solucións prácticas e desafíos futuros’ e explicou que hai que apostar por presentar a arte rupestre ao público dende unha perspectiva multifocal na que son fundamentais as ideas, as emocións e as experiencias.
O director do Museo insistiu na necesidade de propoñer unha "oferta slow" na que as persoas visitantes poidan pasear, descubrir e comprender a arte inmersa na paisaxe e destacou a importancia de elementos complementarios como as exposicións, as visitas guiadas, os obradoiros e ou material para facer a visita de maneira autónoma.
O responsable do Museo provincial tamén realizou varias visitas a diferentes enclaves de arte rupestre, entre elas ás pinturas de Astuvansalmi, en Mikkeli (Finlandia) xunto ao resto das persoas relatoras e asistentes.