O Día das Letras Galegas chegará este ano a Marín cunha estrea. Acollerá a primeira edición do Festival Raíces, Versos e Sons, que promoven as asociacións Almuinha, Mocidade Polo Cambio e Céltica.
Ademais de conmemorar as Letras Galegas, este evento "fortalece o orgullo e a conexión coa nosa terra e as nosas raíces".
Trátase dun evento dedicado a compartir un día de expresión artística e promete mergullar ás persoas asistentes nunha "inmersión cultural inigualable".
O festival comezara ás 17:00 horas do venres 17 de maio na Praza da Veiguiña, en Marín, cunha exposición de pintura, destacando o talento de artistas locais cuxo traballo serve de prólogo a unha xornada repleta de actividades que poñen en valor a singularidade cultural de Galiza.
A continuación haberá un recital poético, un tributo á rica tradición literaria da nosa terra.
Este evento achega tamén a oportunidade de descubrir a habilidade e creatividade reflectida na artesanía galega, así como desfrutar da envolvente actuación de Zeltia IreVire e Frojan, que porán o toque musical á festa.
Ademais das actuacións, poderase participar nunha variedade de actividades interactivas, incluíndo obradoiros de 'lettering' nos que a creatividade e a atención aos detalles serán unha verdadeira homenaxe á identidade cultural.