O Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, declarado evento de Interese Turístico Local

O Salnés
03 de outubro 2022

Trátase do certame audiovisual máis antigo de Galicia e un dos de maior tradición da península Ibérica. Este ano chegan á edición 50, que se vai celebrar do 21 ao 30 deste mes de outubro coa presenza dun Delorean, o mítico coche da saga 'Regreso ao futuro'spantrebuchet>

Cartel do Delorean
Cartel do Delorean / Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía declarou evento de Interese Turístico Local ao Festival do Imaxinario Curtas ao tratarse do certame audiovisual máis antigo de Galicia e un dos que conta con maior tradicción na península. Este mes de outubro de 2022 celébrase a cincuenta edición deste certame en Vilagarcía de Arousa coa presenza, un ano máis, de referentes da cinematografía nacional e internacional, ademais de público procedente de disintos puntos de Galicia e Portugal.

O Festival de Cinema Afeccionado de Vilagarcía nacía no ano 1973, a través das persoas asociadas ao Liceo que eran amantes do cinema foi crecendo ata que en 2016 fíxose cargo da organización a asociación cultural Curtas Film Fest. En 2020, co apoio do Concello de Vilagarcía, o certame amplía contidos e adopta o nome actual de Curtas. Está dirixido por Luís Rosales e converteuse nun elemento dinamizador da actividade cultural e a produción audiovisual, ademais de fomentar a actividade turística.

Por este certame pasaron nomes tan ilustres como Joe Dante; John Howe; David Lloyd; Mick Garris; Juanma Bajo Ulloa; Macarena Gómez; Daniel Monzón; Nacho Vigalondo ou Jesús Merino, entre moitas outras personalidades do sector audiovisual.

Este 2022, o certame desenvolverase entre o 21 e o 30 de outubro coas viaxes no tempo como elemento común para esta edición. Precisamente, o festival comeza o 21 de outubro coincidindo coa data na que Marty McFly realizaba a súa viaxe na segunda entrega de 'Regreso ao Futuro', a película de Robert Zemeckis.

Os días 21 e 22 de outubro, na rúa Alcalde Rei Daviña permanecerá un Delorean como o que utiliza o protagonista da saga para trasladarse no tempo. Aquelas persoas amantes da película poderán fotografarse co vehículo durante esas xornadas. Nesta edición, o cartel realizado polo artista arxentino Flavio Greco amosa robots e androides de traballos cinematográficos, reunidos nas proximidades do Convento de Vista Alegre de Vilagarcía.