A posta en valor do petróglifo da Laxe dos Bolos, en Caldas de Reis, pasa polos traballos de investigación que está a realizar o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit).
Trátase dunha actuación que comezaron a deseñar en decembro de 2020 e que pretende determinar as chaves que relacionan este petróglifo coas estacións rupestres de Monte Xiabre e a paisaxe natural e cultural que o rodea.
Elena Cabrejas é a arqueóloga do CSIC que dirixe a intevención, e destacou que, "polo momento, hai bastantes lagoas no coñecemento do petróglifo e pouco se sabe acerca de cuestións como o seu paralelismo ou singularidade respecto a outros. Necesítase, por tanto, abordalo a través dun estudo interdisciplinar". Cabrejas contará coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Saiar.
Así mesmo, a arqueóloga explicou que o traballo que están a facer é "un rexistro 3D fotogramétrico detallado e xeorreferenciado do soporte e dos gravados, un estudo estilístico dos motivos e unha contextualización cronolóxica co fin de comprender as implicacións culturais, singularidades e relacións con outros elementos da contorna do petróglifo".
Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Caldas de Reis, María López, adiantou que "o Concello ten previsto desenvolver neste xacemento diferentes actividades de divulgación e dinamización deste e doutros recursos para fomentar o seu coñecemento e favorecer a súa protección”.
Finalmente, o concelleiro delegado da parroquia de Saiar, Juan Carlos Ortigueira, sinalou que se contará coa veciñanza para organizar diferentes actividades, especialmente coa Comunidade de Montes de Saiar.