Este mércores presentouse na Casa das Campás de Pontevedra a terceira edición do congreso "Fugas e Interferencias", que engadirá á súa reflexión sobre a arte de acción unha mirada internacional coa presenza dunha conferenciante chegada desde Polonia e a participación nas súas diferentes mesas de investigadores procedentes de México, República Dominicana, Romanía e Estados Unidos.
Este congreso promovido polos investigadores da Facultade de Belas Artes, Carlos Tejo, Marta Pol e Alba Blanco, desenvolverase entre o 29 de novembro e o 1 de decembro na sede do vicerreitorado do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Este foro está dirixido a promover unha reflexión teórica sobre unha disciplina pouco abordada desde o ámbito académico e irá acompañado dunha sesión de performances, tanto nas rúas de Pontevedra, no mediodía do xoves 29 a cargo do alumnado da materia Proxectos de arte de acción, como no CGAC, onde o venres 30 e sábado 1 terán lugar as accións de Amaya González Reyes e Berio Molina.
Segundo explicou Carlos Tejo, os tres eixos ao redor dos que se articularon as seis mesas de presentación de comunicacións son a reflexión teórica sobre a arte de acción; a natureza híbrida desta disciplina e a incorporación de estratexias procedentes do teatro contemporáneo, o videoarte e a danza; e as posibles interseccións entre a arte de acción e o contexto político, a perspectiva de xénero e o feminismo.
O programa do congreso tamén abordará aspectos como as relacións da performance coa tecnoloxía ou mesmo cos videoxogos ou o seu uso como "ferramenta política".
Outra das novidades desta terceira edición é a articulación dun "espazo de reflexión crítica sobre tese de doutoramento" e que, na tarde do xoves 29, protagonizan dúas investigadoras da Universidade de Vigo, Cynthia Bondenhorst e Paloma Recio.