Emerxencia literaria: ler en tempos de pandemia é o tema da terceira edición do congreso de mediación lectora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra cuxo programa foi presentado este venres. A principal novidade, despois da cancelación da edición anterior pola pandemia, é a celebración en formato virtual e en tres datas separadas: o 22 e 29 de abril e o 6 de maio.
Ademais de contar con relatores e participantes de renome, a edición deste ano servirá tamén para render homenaxe a unha das grandes figuras da mediación lectora en Pontevedra. Luz Gallego, propietaria da librería Seijas, xubílase este ano e cunha charla titulada 40 anos entre libros entre ela e Eulalia Agrelo, responsable do departamento de Cultura da Universidade de Vigo, pecharase o congreso.
"Non deixemos de ler libros", pediu a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, durante a presentación dun evento que naceu hai catro anos baixo o paraugas do Salón do Libro, "o espazo da literatura máis grande de Galiza", destacou a edila nacionalista. O Concello ocúpase da organización, "de ofrecer esa estrutura e ese ecosistema", mentres que a Universidade de Vigo é a encargada de achegar a "sabedoría e o coñecemento", dixo sobre a colaboración entre ambas as institucións para facer realidade este congreso.
Á unión de forzas entre ambas as entidades despois da cancelación da edición anterior para celebrar un congreso aínda máis potente fixo alusión o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto. Mentres que Eulalia Agrelo encargouse de debullar o programa e informar sobre os requisitos para participar.
Aínda que será en formato en liña, a inscrición non será superior aos 150 participantes, que xa poden solicitar a súa alta no congreso a través da páxina web www.salondolibro.gal. Unha vez aprobada a súa petición, o usuario recibirá as claves para acceder ao campus remoto da Uvigo, no que poderá consultar todos os detalles do programa e acceder aos contidos en directo. Para obter o certificado de asistencia é necesario acceder ao 80 % dos eventos programados.
A actividade comezará o 22 de abril, nunha xornada moderada por Tamara Andrés, coa inauguración do congreso a cargo da concelleira Carmen Fouces e o vicerreitor Jorge Soto.
A continuación, ás 16.45 horas, está prevista a primeira conferencia a cargo de Jaume Centelles para falar de que a literatura cura. Seguiralle Charo Pita cunha charla sobre lectura expresiva e en voz alta, Galo Martínez e Luz Castro, do Museo do Videoxogo, falarán sobre este xénero; e a xornada concluirá con poesía infantil e xuvenil da man de Fran Alonso.
O 29 de abril, a moderadora será a xornalista Sara Vila, quen presentará a Mar Benegas e a súa conferencia sobre a censura, as lecturas ilustradas de Luz Beloso, ao Hematocrítico co seu discurso "Escribir é divertido" e a Freddy Gonçalves que tratará a adolescencia.
Nee Barros encargarase de dirixir a última sesión do congreso na que os protagonistas serán o escritor Jordi Sierra i Fabra, a comunidade educativa Alpartir, e os profesionais da literatura Gonzalo Moure e Diego Alejandro Ruiz. Para pechar o congreso, ás 19.45 horas do 6 de maio, está programada a conversación entre Luz Gallego e Eulalia Agrelo coa homenaxe a unha das libreiras máis queridas de Pontevedra.