O Concerto de Aninovo de Pontevedra incluirá por vez primeira música de zarzuela

Pontevedra
01 de decembro 2016

O ano cultural de Pontevedra volverá comezar, unha vez máis, co clásico Concerto de Aninovo da Filharmónica Cidade de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa "marabillosa" á que, segundo Anxos Riveiro, o público "responde moi ben". Pero nesta ocasión haberá moitas novidades. A máis importante, segundo se desvelou este xoves, está no seu repertorio

Presentación do concerto de Aninovo de Pontevedra
Presentación do concerto de Aninovo de Pontevedra / PontevedraViva

O ano cultural de Pontevedra volverá comezar, unha vez máis, co clásico Concerto de Aninovo da Filharmónica Cidade de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa "marabillosa" á que, segundo Anxos Riveiro, o público "responde moi ben". Pero nesta ocasión haberá moitas novidades. A máis importante, segundo se desvelou este xoves, está no seu repertorio.

Xunto cos tradicionais valses e polkas de Strauss e Tchaikovsky, os cincuenta músicos da formación pontevedresa interpretarán música de zarzuela na primeira parte do espectáculo. Segundo explicou Javier Morgade, vicepresidente da filarmónica, esta oferta formará parte dun programa "moi especial e novidoso".

Así, interpretaranse pezas de La revoltosa, Doña Francisquita, El último romántico, El gato montés, La boda de Luis Alonso, El caserío e El barberillo de Lavapiés. Para iso, a filarmónica contará coa colaboración de dous artistas "incribles": o tenor Enrique Martínez e a soprano Ruth Terán, que cantarán en directo no concerto.

Na quinta edición deste Concerto de Aninovo, que terá lugar o 1 de xaneiro ás 19.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura, o director volverá ser Fernando Briones, que xa se puxo á fronte do espectáculo deste ano, grazas ao "bo feeling" que tivo co público e cos músicos da orquestra.

"Eu non deixaría pasar a oportunidade de asistir a un concerto así. Escoitas música en directo non ten nada que ver con vela pola tele", sinalou Briones.

Tamén se mantén a colaboración co Ballet Norte. Catro parellas de bailaríns acompañarán aos integrantes da filarmónica sobre o escenario e, como novidade, un grupo de estudantes de danza de entre 10 e 12 anos de idade intervirán nalgunhas pezas.

A bailarina Julia Menéndez, representante desta formación, destacou que mentres que no concerto de Viena o ballet é gravado en Pontevedra "estamos alí en directo bailando ao mesmo tempo que a orquestra", o que considera que é un "privilexio" para o público pero tamén para eles porque "non temos moitas ocasións para bailar con música en directo".

As entradas, a un prezo de 15 euros, están a venda desde este xoves en www.ataquilla.com. En caso de non esgotarse poderanse conseguir o propio día do concerto no despacho de billetes do Pazo desde dúas horas antes do inicio do espectáculo.