O presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do intelectual homenaxeado no Día das Letras Galegas, Fernando Filgueira, presentou acompañado polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e do director xerente de Afundación, Pedro Otero, o concerto que, con motivo do Día das Letras Galegas, desenvolverase este sábado 16 a partir das 21.00 horas no auditorio da Sede Afundación de Pontevedra.
Neste concerto estrearase unha obra de Xavier de Paz sobre textos do Xosé Filgueira Valverde, que na súa prolífica obra destacan diferentes traballos no ámbito da música como o de promover a creación da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e impulsar o Festival da Canción.
Maximino Zumalave será o encargado de dirixir a Real Filharmonía de Galicia que contará cun programa no que recolle unha composición de Joly Braga Santos sobre textos de Rosalía de Castro; ademais de catro cancións de José Castro "Chané" sobre textos de Curros Enríquez mentres que a segunda parte conta cun repertorio plenamente pontevedrés coa suite para frauta e orquestra de Igrexas Vilarelle e o traballo de Xavier de Paz, encargado de poñer música a dúas cantigas que Filgueira Valverde escribiu como contestación aAnxos de Compostela, versos que lle dedicou o poeta Gerardo Diego, tal e como indicou Xosé Filgueira durante a presentación.
Segundo Ramón Villares cada concerto "deixa un pouso", que axuda a recoñecer o traballo dos compositores galegos actuais. Os escasos convites para asistir a este evento pódense retirar, de forma gratuíta, na sede de Afundación.
TEATRO SOBRE A FIGURA DE FILGUEIRA VALVERDE
Por outra parte, Afundación programá outras actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas entre as que destaca a teatralización sobre a vida de Filgueira Valverde que se presentará no Café Moderno o 31 de maio destinada a que os máis pequenos coñezan as súas achegas á vida cultural galega.
Os nenos terán tamén a oportunidade de achegarse á figura do homenaxeado no Día das Letras 2015 ao participar nos obradoiros de cantigas e teatro deseñados pola Área Educativa de Afundación dirixido a escolares de Educación Infantil a ESO.