O Concello e Os Coribantes de Buchabade reeditan a súa colaboración

Ponte Caldelas
10 de febreiro 2018

Este ano participarán nas procesións de Semana Santa e das Dores e organizarán os festivais da Festa da Troita e o das Dores (no que traerán dous grupos folclóricos de fóra de Galicia) e o Son de Ponte Caldelas. Por outra banda, confirmaron a participación no Entroido de Verán 

Reunión de Andrés Diaz coa xunta directiva de Os Coribantes de Buchabade
Reunión de Andrés Diaz coa xunta directiva de Os Coribantes de Buchabade / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas e Os Coribantes de Buchabade acaban de reeditar a súa colaboración, que manteñen nos últimos anos co obxectivo común de levar o nome de Ponte Caldelas ao exterior e enriquecer a vida cultural do municipio.

O alcalde, Andrés Díaz, mantivo unha reunión esta semana coa directiva da agrupación, que preside Ángel Lale, coñecido como 'Lito', e anunciou que manterán unha colaboración na que o Concello lles dá apoio constante e Os Coribantes participan de forma habitual en varias actuacións do Plan Cultural municipal.

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o presidente dos Coribantes agradeceu a aposta do Concello e anunciou que durante este ano participarán nas procesións de Semana Santa e das Dores e organizarán os festivais da Festa da Troita e o das Dores (no que traerán dous grupos folclóricos de fóra de Galicia) e o Son de Ponte Caldelas. Por outra banda, confirmaron a participación no Entroido de Verán, que se celebrará o próximo 16 de xuño.

Os Coribantes realizarán este ano 2018 un total de 30 actuacións en Galicia e no exterior e seguirán co seu traballo como escola de música, na que hai inscritos máis de 70 rapaces que aboan unha cota de só 10 euros ao mes. 

O Concello insiste en que Os Coribantes de Buchabade son a agrupación musical con maior proxección exterior do municipio e que o actual goberno local tripartito reforzou os lazos con eles durante este mandato cunha colaboración na que, entre outros aspectos, lles cedeu un local para ensaios nas estancias do antigo obradoiro de emprego, anexo ao pavillón municipal. 

Ademais, o Concello préstalles colaboración constante para o transporte da banda de gaitas e baile ata os lugares onde se celebran as diferentes actuacións tanto por España como por países de Europa, como sucedeu o ano pasado cun desprazamento ata Francia.