O colexio Carballal de Marín, Premio do Público do Salón do Libro

Pontevedra
24 de abril 2015

A Escola Infantil A Parda acadou o segundo posto e, empatados no terceiro, o CEIP Froebel e o Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas

Orbil co traballo gañador
Orbil co traballo gañador

Unha vez realizado o reconto dos 2.160 votos recibidos ao longo das catro semanas que durou o XVI Salón do Libro "Da ciencia á ficción", o Premio do Público por segundo ano consecutivo foi para o CEIP Carballal.

O "Traballius" do centro de educación infantil e primaria de Marín, representaba a Illa de Tambo e os fondos mariños cargados de fantasía, inspirándose na obra de Julio Verne e achegando un libro de contos titulado "A illa dos experimentos".

En segundo lugar, con 177 votos, o chamativo e orixinal traballo presentado póla Escola Infantil A Parda: un xilófono feito con botellas de vidro e líquidos de cores co nome de "O son da Parda". Grazas a súa participación na actividade "Amasando contos" coñecemos como foi todo o proceso de elaboración cos nenos de 2-3 anos.

Empate para o terceiro posto para o CEIP Froebel de Pontevedra e o Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, ambos con 120 votos. O primeiro presentou "Relatos de viaxes ao centro da terra", un libro cun encuadernado moi especial en volume con forma de volcán.  O CEIP Manuel Cordo Boullosa, que xa o pasado ano quedara entre os finalistas, sorprendeu nesta ocasión con "O noso universo particular": Un traballo con sorpresa no que o soporte exterior, con contos pendurados, agochaba unha preciosa galáxia chea de planetas e estrelas.

A pouca distancia do terceiro lugar quedaron o CEIP A Xunqueira 1 cos seus contos e o Santiago Apóstol de Soutomaior con 114 e 108 respectivamente.

O público visitante do Salón ao longo das cuatro semanas de duración, non deixou, como era previsible, a ningún dos 40 traballos sen votos.

Todos e cada un, chegados non só da nosa cidade (Vilanova, Cangas, Vigo, Ponte Caldelas, Rianxo, etc) reflectían as horas, o esforzo de profesores e nenos e sobre todo, o agarimo co que estaban feitos.

Unha labor que a organización agradece cada edición e sen o que o Salón do Libro non teria razón de ser.