O cociñeiro Javier Olleros e o promotor cultural Kin Martínez promoven a lingua galega en En3vistas

Pontevedra
14 de xullo 2020

O propietario do restaurante Culler de Pau do Grove e o organizador de eventos como PortAmérica ou Esmerarte falaron na Rúa Serra das súas experiencias coa súa lingua nai e tamén da identidade da esencia galega para exportar a calidade das iniciativas que se realizan no país

Javier Olleros e Kin Martínez falan sobre a lingua galega en En3vistas
Javier Olleros e Kin Martínez falan sobre a lingua galega en En3vistas / Mónica Patxot

O programa En3vistas traía este luns 13 de xullo á Rúa Serra, ante o Mercado de Abastos, un novo encontro entre persoas coñecidas de diferentes sectores empresariais e artísticos para falar sobre a súa relación coa língua galega.

Nesta ocasión, o cociñeiro Javier Olleros e o promotor de espectáculos Kin Martínez analizaron tanto as súas experiencias persoais coa súa lingua nai como a necesidade de que se promocione a identidade das actividades que se realizan en Galicia para exportar e dignificar os produtos e propostas do país.

Kin Martínez, director e promotor de proxectos culturais do nivel de Esmerarte ou do festival PortAmérica, mantiña un encontro co seu amigo, o prestixioso cociñeiro Javier Olleros, propietario de Culler de Pau no Grove.

Ámbolos comezaron a conversa lembrando como a lingua galega foi a primeira que coñeceron a través dos seus avós e pais e como foron atopándose cos anos con problemas para poder falar en determinados ámbitos a lingua que dominaban.

Neste sentido, Olleros comentaba como no centro do Grove os grupos de amigos mirábano de maneira rara por falar en galego pero el se mantivo coa súa fala porque "sempre fun rabudo". Unha situación semellante experimentaba Kin Martínez, nado en Portas, cando chegou ao instituto. Afirma que outros compañeiros rían do seu acento ata que el comprobou que podía facer os exames na lingua que mellor coñecía e decidiu dar o paso.

Ambos sinalaban que a situación cambiara cos anos e que "agora ninguén se rí doutra persoa por falar galego. Pero eu daquela non o entendía. Por que se rían de min?", explicaba Kin. Olleros apuntaba que a defensa da lingua propia é unha cuestión de respecto e de sentido común. Por este motivo, no seu restaurante fálase galego "por compromiso co lugar e porque os produtos que temos son cun ADN moi preciso", apuntaba durante o diálogo.

"Hai futuro porque a singularidade é o que dá valor, dentro da cultura está o idioma", sinalaba o cociñeiro grovense, que indicaba que os seus fillos sen recibir premisa algunha falaban en galego sen complexos e de forma natural.

Tamén incidiron en que numerosos sectores de Galicia relacionados coa cultura tradicional e co patrimonio carecen de promoción para poder ser exportados como un valor propio. E afirmaban que faltan os elementos básicos para a dignificación do que se fai en Galicia respecto a outras zonas xeográficas. Por este motivo, reclamaban unha estratexia de verdade para que os sectores empresariais que aposta polos produtos da terra continúen proxectándose.

O venres 17 será o seguinte encontro deste ciclo de En3vistas, promovido polo Concello de Pontevedra. Vai celebrarse no Parque do Gafos ás 20.00 horas con Patri Hermida, mánager de bandas como Terbutalina ou Heredeiros da Crus, e Sabela Ramil, concursante de Operación Triunfo 2019. Esta intervención, como o resto, pode ser seguida a través das redes sociais do Concello de Pontevedra.