Baixo o título de Limítrofes, o ciclo de cinema do campus de Pontevedra arranca este venres 15 na Casa das Campás cunha escolma de filmes de diferentes épocas nos que "o que teoricamente non pertence ao noso mundo" conéctase "co universo sensible que habitamos ou percibimos", como sinala o programador Suso Novás, codirector do festival Novos Cinemas.
Doce proxeccións, con entrada libre ata completar a capacidade da sala integran este ciclo, que terá lugar nas tardes dos venres de setembro, outubro, novembro e xaneiro na Casa das Campás.
Con sesións previstas para as 19.00 horas, 'Limítrofes' arranca este venres 15 con "Só os amantes sobreviven" (2013), de Jim Jarmusch. Á semana seguinte poderá verse "A pantasma de Canterville" (1944), de Jules Dassin.
Xa en outubro, o venres 6 poderá verse "Carrie" (1976), de Brian De Palma, mentres que á semana seguinte proxectarase "A mansión encantada" (1963), de Robert Wise.
O 20 de outubro chegará a quenda de "A muller e o monstro" (1954), de Jack Arnold, e o venres 27 exhibirase "O ceo sobre Berlín" (1987), de Win Wenders.
Xa en novembro, a programación continúa o venres 3 con "Na boca do medo" (1994), de John Carpenter. Á semana seguinte, "Lady in the water" (2006), de M. Nighy Shyamalan. O 17 de novembro proxectarase "A invasión dos ultracorpos" (1978), de Philip Kauffman, mentres que o venres 24 poderá verse "A Ghost Story" (2017).
Tras un parón en decembro, a programación deste ciclo completarase en xaneiro con tres longametraxes máis: "A zona morta" (1983), de David Cronenberg, "Última noite no Soho" (2012), de Edgar Wright, e "Na boca do medo" (1994), de John Carpenter.
DOCS DEL MES
Así mesmo, neste mes de setembro retorna á Vicerreitoría o ciclo Docs del Mes, unha cita mensual co cinema documental dentro dunha rede da que forman parte máis de 80 cidades de toda España.
Con proxeccións que se desenvolven o terceiro ou cuarto luns de cada mes, ás 20.00 horas, na Casa das Campás, a programación retómase o luns 25 con "Remando a la deriva" (2023), un filme da documentalista india Sarvnik Kaur, premiado no festival de Sundance.