Cunha puntualidade case británica comezaba este domingo a segunda das Visitas Cruzadas do Museo de Pontevedra. Á fronte, o cineasta Jorge Coira e o xornalista Manuel Gago, que acompañaron ás máis de sesenta persoas que gozaron coa particular visión que ofreceu cada un deles sobre os contidos do Sexto Edificio e do Sarmiento.
Ambos, antes de iniciar a visita, xa seleccionaran a zona do Museo pola que querían guiar aos asistentes a este programa cultural. Así, mentres que Manuel Gago optou por centrar o seu percorrido na arte prehistórica e castrexa, entre o Neolítico e a romanización; Jorge Coira escolleu os últimos 700 anos de arte, entre o século XIV e a actualidade.
A visita encabezada por Coira, director e guionista de cinema e televisión, comezou ante o retablo de Belvís, da que lembrou que é a única obra pintada en táboa de madeira durante a Idade Media que se conserva en Galicia. O cineasta explicou a súa fascinación ante este retablo, non só polo seu valor artístico, senón pola súa "forma de narrar unha historia".
Nesta obra aparecen san Acacio e os dez mil mártires no monte de Ararat e serviu a Jorge Coira para explicar a "relación moi directa" que existe entre a arte e o cinema, un vínculo do que falou en todas as paradas escollidas ata completar a visita.
Cos retratos pintados por Modesto Brocos, xa no século XIX, detallou como a súa obra permite aos espectadores sentirse partícipes do propio cadro, igual que conseguiron facer, décadas despois, as primeiras películas que se rodaron no cinema e, especialmente, traballos como Cidadán Kane, onde o público é tamén parte da obra.
A relación coa luz ou como os pintores pasaron a retratar escenas cotiás da vida, como tamén fai o cinema, tamén tiveron o seu oco na visita dirixida por Jorge Coira, ao deterse, entre outras, nas pinturas de Jenarro Carrero ou, xa na sala dedicada á arte española do século XX, coas obras de Leopoldo Novoa e Luís Caruncho.
Neste punto, ambos os grupos intercambiaron o seu guía. Os que iniciaran a visita con Jorge Coira entraron, da man de Manuel Gago, na arte prehistórica e na colección que se expón no edificio Sarmiento. Foi un percorrido centrado na relación entre a arte e os mitos e tradicións que xeraron en Galicia.
Tras coñecer as pezas de mámoas que se conservan no Museo, o xornalista quixo deterse en "unha das xoias" da colección da institución pontevedresa, o coñecido como tesouro de Caldas e o seu homólogo, achado en Antas de Ulla -xerando unha fascinación polas illas-, belos exemplos da ourivaría antiga da Idade de Bronce.
As pezas e armas de bronce que tamén se gardan no Museo centraron unha das historias que máis sorprendeu aos asistentes, sobre todo un conxunto de espadas achadas no seu día en Catoira e que estaban "depositadas na auga e moitas delas sen usarse xamais", unha tradición que, co paso dos anos, faríase popular coa historia de Excálibur.
Os torques da Idade de Hierro, algúns deles usados na cultura castrexa para realizar prácticas rituais; os retratos en pedra que, segundo os estudiosos, poderían representar a deuses protectores e sobre os que se facían ofrendas; ou unha pía de sacrificios fabricada en granito tamén foron incluídos no percorrido.
A visita finalizou contemplando a representación dun "señor das bestas" achada en Lourizán, que demostra que a figura dos deuses en Galicia "non dan medo e non trataban de impoñer, senón de dar a benvida ás almas que recibían", e diferentes vestixios da época prerromana, onde se representaba que, como ditaba a tradición, como os mortos eran levados en barco ao máis aló.
Unha sesión vermú, na que os participantes puideron compartir as súas impresións cos dous guías e co resto dos seus compañeiros, puxo o broche de ouro ao evento.
A próxima xornada destas Visitas Cruzadas será o domingo 21 de maio coa poeta e actriz María Lado e o xornalista da Radio Galega, Kiko Novoa. O ciclo pecharase o 28 de maio coa escritora Iria Collazo e o actor e dramaturgo Quico Cadaval.
As visitas son gratuítas pero é necesario solicitar a participación a través do correo electrónico [email protected]. Todas as visitas inícianse ás 12.00 horas.