O Cineclube Pontevedra comeza o ano 2024 coa proxección de dúas agardadas novidades: os últimos traballos da francesa Justine Triet e do finlandés Aki Kaurismäki, que foron respectivamente Palma de Ouro e Premio do Xurado na pasada edición do Festival de Cannes.
O da francesa, "Anatomía dunha caída", será o martes 16 de xaneiro. Este filme vén de ser galardoado nos Globos de Ouro cos premios ao mellor guión e ao mellor filme de fala non inglesa.
A película do martes 23 de xaneiro é menos coñecida mais sen dúbida un dos grandes filmes do ano 2022 é "Xeografías da soidade", da canadense Jacquelyn Mills, unha poética e máxica viaxe á illa de Sable (Canadá) a través dos ollos da súa única habitante humana.
Para o martes 30 está programada "Fallen leaves" de Aki Kaurismäki.
As proxeccións do cineclube realízanse os martes no Teatro Principal de Pontevedra, con comezo ás 20:30 horas. Todas as sesións son proxectadas en versión orixinal subtitulada. Tanto o filme de Justine Triet coma o de Aki Kaurismäki contará con subtítulos en galego.