O Cineclube Pontevedra ven de presentar a programación deste mes de abril que estará decicado á libanesa Jocelyne Saab e ao finlandés Aki Kaurismäki.
Aki Kaurismäki será o protagonista das sesións dos luns, programadas en colaboración coa Filmoteca de Galicia, nas que se proxectarán dúas comedias dos anos noventa rodadas respectivamente en Londres e París: Contratei un asasino a soldo e A vida de bohemia.
Todas as proxeccións serán ás 20.30 horas no Teatro Principal en versión orixinal con subtítulos en español.
O vindeiro luns 8 poderase ver 'Contratei un asasino a soldo'. O filme conta a historia de Henrí que despois de 15 anos ao seu servizo é despedido da compañía para a que traballa. Incapaz de soportar a noticia, intenta suicidarse sen éxito. Para conseguir o seu obxectivo contrata un asasino a soldo. Pouco despois, sente que a súa vida volve ter sentido e decide romper o contrato co asasino, pero élle imposible localizalo.
O luns 22, proxectarase 'A vida de bohemia'. A sinopse do filme conta que Marcel é un escritor e dramaturgo que, debido ao escaso éxito das súas novelas e as súas revistas sen publicar, sobrevive recollendo botellas baleiras polas rúas da cidade. Rodolfo é un albanés sen papeis amante da pintura que vive escondéndose das autoridades. Schaunard é un compositor irlandés posmodernista que non consegue agradar os oídos parisienses coa súa música. Os tres fanse amigos en París e xuntos atoparán o sentido do amor, da amizade e da existencia.
JOCELYNE SAAB
Os tres martes do mes, pola súa banda, estarán dedicados á libanesa Jocelyne Saab (Beirut, 1948-2019), quen traballou a comezos dos 70 como xornalista e reporteira de guerra, e axiña iniciou unha espléndida carreira como directora, principalmente no ámbito do documental, aínda que tamén realizou algunhas ficcións.
Sempre comprometida coa causa palestina e os procesos de autodeterminación dos pobos, Saab é responsable dunha valiosísima cartografía cinematográfica que atendeu ás guerras de liberación do Medio Oriente e Norte de África durante os 70 e 80, ao pé da trincheira e cun marcado posicionamento político polo que foi obxecto da censura e de diversas ameazas.
Grazas á colaboración da Asociación Jocelyne Saab, que vén de restaurar a súa obra, proxectaranse algunhas das súas pezas centradas na guerra civil do Líbano e na resistencia palestina ao sur do país, na Cidade dos Mortos de Exipto e no pobo saharauí.
O martes 16 poderase ver 'As mulleres palestinas', 'Líbano Sur: Historia dunha vila asediada', 'Os nenos da guerra' e 'Exipto: cidade dos mortos'. As primeiras tres pezas desta sesión céntranse na resistencia palestina no sur do Líbano. Nelas, a directora retrata e dálles voz aos habitantes das aldeas fronteirizas de Hanine e Kfarchouba logo de seren atacadas por sirios e israelís en 1976, ás combatentes palestinas e ás crianzas dun barrio beirutí días despois da masacre de Karantina en 1976. Na cuarta peza, de 1977, Saab retrata a Cidade dos Mortos, un camposanto habitado por vivos nos arrabaldes do Cairo, para a partir dela mostrar a masificación e a miseria dos populosos barrios cairenses, ameazados día a día pola pasividade das autoridades.
Para o martes 23 está programada 'Beirut, nunca máis', 'Carta desde Beirut' e 'Beirut, a miña cidade', Nestas tres pezas gravadas entre 1976 e 1983, Jocelyn Saab achega á cotiandade bélica da súa cidade natal, Beirut. O espectador asiste a través delas a un escenario marcado pola destrución e a reconstrución constantes ao longo dos anos de guerra, no que a directora libanesa non dubida en poñer corpo e cámara entre bombas e fusís para dar testemuño, cunha mirada íntima e poética, pero tamén política, da violencia israelí, a traición da armada siria, os xogos sucios entre comunidades e a a vontade dun pobo por recuperar a súa vida.
O martes 30 haberá oportunidade de ver 'O Sáhara non está á venda'. Desde o corazón do deserto, Jocelyn Saab rexistra os enfrontamentos entre Arxelia e Marrocos no territorio de El-Aaioun, así como a resistencia saharauí da Fronte Polisaria. Entre o documental antropolóxico e a reportaxe política, 'O Sáhara non está á venda' mostra de maneira incisiva, detallada e indómita un conflito que chega até os nosos días, lembrándolle ao mundo que o pobo saharauí existe e dándolles voz a todos os axentes implicados: as autoridades marroquís, as mulleres arxelinas, a pantasma da presencia colonial española e a Fronte Polisaria.