O Cineclube estrea o mes de decembro con 'Trote', de Xacio Baño

Pontevedra
02 de decembro 2019

Non hai descanso para os afeccionados ao cinema na capital. Despois da sólida oferta audiovisual da que puidemos desfrutar no Culturgal, o Cineclube de Pontevedra volve á carga coa súa programación para o mes de decembro

'Trote', de Xacio Baño
'Trote', de Xacio Baño / Cineclube Pontevedra

Non hai descanso para os afeccionados ao cinema na capital. Despois da sólida oferta audiovisual da que puidemos desfrutar no Culturgal, o Cineclube de Pontevedra volve á carga coa súa programación para o mes de decembro. E para iso, o próximo luns 2 de decembro proxectará 'Trote', de Xacio Baño, á hora e lugar habituais: ás 20.30 no Teatro Principal cun prezo de entrada de dous euros.

'Trote' transpórtanos a un dobre momento, un reencontro familiar tras unha traxedia durante os días nos que se celebra a rapa das bestas. Carme, a súa protagonista, comeza a cuestionarse o seu futuro cando o regreso do seu irmán maior evidencia o seu rol servizal na familia. Unha sensación que discorre paralela á natureza animal dos cabalos por escapar dos deseos humanos. Atopámonos ante a ópera prima de Xacio Baño, o seu director e unha das voces máis prometedoras do panorama audiovisual galego, que firma unha cinta de minimalismo narrativo na que os silencios e as accións cotiás tansmiten o estado no que se atopan os seus protagonistas.

 

Ficha
Título: Trote
Director: Xacio Baño
Ano: 2018

País: España
Duración: 83 minutos
Idioma: Galego