O Cineclube celebra as Letras Galegas con "A Esmorga", "Psiconautas" e "Os días afogados"

Pontevedra
04 de maio 2017

Maio é o mes das Letras Galegas e o Cineclube Pontevedra decidiu sumarse a esta celebración coa proxección de tres películas galegas que, nos últimos anos, lograron un enorme eco no panorama audiovisual nacional: A Esmorga, Psiconautas e Os días afogados

Escena da película "A Esmorga"
Escena da película "A Esmorga" / A Esmorga

Maio é o mes das Letras Galegas e o Cineclube Pontevedra decidiu sumarse a esta celebración coa proxección de tres películas galegas que, nos últimos anos, lograron un enorme eco no panorama audiovisual nacional: A Esmorga, Psiconautas e Os días afogados.

Todas as proxeccións realizaranse no Teatro Principal e na Casa das Campás. A entrada será gratuíta e os tres filmes emitiranse en galego.

A primeira será, o luns 8 de maio ás 20.00 horas, A Esmorga. A película de Ignacio Vilar, nomeada ao Goya ao mellor guión, poderase ver no Principal.

Trátase dunha crónica tensa e intensa que, con base na novela de Blanco Amor, narra 24 horas na vida de tres homes, compañeiros de festa que, deixando un regueiro de destrución e de sexo equívoco e reprimido, van camiñando cara a súa perdición.

Unha semana despois, o 15 de maio -na mesma hora e lugar- proxectarase Psiconautas, os nenos esquecidos, Goya á mellor película animada e nomeada aos Premios do Cinema Europeo.

É a adaptación da novela gráfica homónima de Alberto Vázquez, protagonizada por Birdboy e Dinki, dous amigos que decidiron fuxir dunha illa arrasada por unha catástrofe ecolóxica, emprendendo unha arriscada viaxe.

O ciclo pecharase o luns 29 de maio, ás oito da tarde, na Casa das Campás con Os días afogados, a película documental de César Souto e Luís Avilés.

O filme reflicte como a construción do encoro de Lindoso (Portugal) alagou as aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque. Os seus habitantes non puideron facer nada para salvar a súa terra e os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, os veciños comezaron a gravar o proceso coas súas cámaras, un documento histórico recuperado para esta película.

Arquivado en