O ciclo Vermú entre libros que desenvolve a Libraría Paz de Pontevedra acaba de ser recoñecido como iniciativa cultural ou de fomento da lectura máis destacada do ano en Galicia. O establecemento pontevedrés resultou gañador na II Gala do Libro Galego celebrada este sábado no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Segundo deu a coñecer a Asociación Galega de Editoras, no caso concreto deste Vermú entre libros valórase que é unha iniciativa "con moito esforzo e reducido orzamento" e que Paz "aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría".
A Gala do Libro Galego recoñeceu a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. Trátase de distincións sen dotación económica determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego 2017.
Ademais de Paz, outros premios tiveron nome pontevedrés. Na categoría de libro ilustrado gañou o artista Óscar Villán polas ilustracións do libro-disco Canta connosco, de Migallas Teatro e editado por Kalandraka. O xurado elixiu esta obra "pola súa fluidez e narrativa do ilustrador" e destacou que a súa plástica orixinal "escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño".
En narrativa o premio foi tamén para un pontevedrés, o escritor Xosé Monteagudo pola novela Todo canto fomos da Editorial Galaxia. Destacou o xurado a súa calidade e que se trata dun libro "moi ambicioso que acada o seu obxectivo: reflectir a realidade dunha época". Na opinión dos especialistas, "é unha grande novela con pouco recoñecemento".
Consulta aquí todos os gañadores desta edición.