Como parte da oferta audiovisual na capital pontevedresa este xoves dá comezo o ciclo de cine 'O oficio de vivir', froito dunha colaboración entre o colectivo Taller Aberto co departamento municipal de Benestar social. Ao longo destas sesións aproveitaranse os mecanismos narrativos únicos que presenta o cine para explorar diferentes relatos sobre saúde mental.
'A habitación do fillo', do director italián Nanni Moretti, é a escollida para dar comezo a este ciclo nunha sesión que comezará ás 19.00 horas no Teatro Principal.
En 'A habitación do fillo' a apracible existencia dunha familia do norte de Italia vese interrompida co desgarrador suceso da morte do seu fillo menor nun accidente de submarinismo.
O pai da familia, un psicanalista afeito a presenzar os problemas da xente a través dunha distancia profesional, irase obsesionándose máis e máis coa morte do seu fillo. Atopámonos ante unha cinta sobre o duelo e os mecanismos que levamos a cabo para procesar a perda dun ser querido.
Ficha
Título: A habitación do fillo
Director: Nanni Moretti
Ano: 2001
País: Italia
Duración: 100 min.