Catro compañías galegas amosarán en Vilagarcía as súas novas montaxes teatrais. Será nunha nova edición do ciclo de teatro organizado a través do convenio cultural asinado entre o Concello e a Agadic para a programación que haberá entre setembro e decembro.
O ciclo abrirase o 23 de setembro coa montaxe da compañía Caramuxo para o público familiar A nena que vivía nunha caixiña de mistos.
Inspirada no conto de Andersen A vendedora de mistos, trátase dunha proposta de teatro de actriz e monicreques case sen palabras, que recorda ás películas clásicas do cine mudo en branco e negro e que conta con música en directo.
A compañía Amorodio Teatro subirá ao escenario o 30 de setembro para poñer en escena A Nai, un traballo multidisciplinar que, sen perder nunca o sentido do humor, emprega ferramentas do xénero documental e da autoficción.
A través das figuras das irmás Touza e da súa fazaña de salvar a centos de persoas durante o Holocausto, o texto aborda a posibilidade de sermos mellores aínda en tempos de degradación moral.
Quico Cadaval dirixe O Porco de Pé, a obra que Producións Teatrais Excéntricas representará o 11 de outubro. Baseada no texto de Vicente Risco, o espectáculo preséntase como unha peza de teatro de barracón, aquel que na infancia fascinaba e asustaba a partes iguais.
Por esta viaxe á fascinante década dos anos 20 do século XX pasarán, como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vanguardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.
A tempada de outono rematará o 25 de novembro con O Deus do Pop, unha innovadora proposta de Diego Anido que el mesmo protagoniza despois de ser galardoado co Premio Mestre Mateo e nominado aos Premios Goya polo seu traballo cinematográfico en As bestas.
As entradas para estes espectáculos xa están á venda, a un prezo reducido de 5 euros, a través de Ataquilla.com. Mantense ademais a entrada bonificada a 3 euros para os colectivos de persoas maiores, desempregados e titulares do carné xove.