O ciclo de cine mudo con música en directo en Santa Clara comezará con "Nanuk, o esquimó"

Pontevedra
18 de abril 2022

As proxección comezan este martes ás 20 horas e seguirán ata o xoves co pase de O Maquinista da General e Amencer

Presentación do programa "Híbridas en Santa Clara"
Presentación do programa "Híbridas en Santa Clara" / Mónica Patxot

"Híbridas" en Santa Clara naceu coa idea da mistura entre artes, pero a serie "Música Sen Palabras" promete ser un dos seis ciclos máis chamativos e singulares que habitan dentro do programa cultural municipal.

Trátase dun ciclo de cine mudo con música en directo que corre a cargo de Caspervek, proxecto liderado por Brais González, que se converteu nunha das referencias europea dos cine-concertos, con máis de 200 actuacións en 14 países do continente. O catálogo de bandas sonoras de Caspervek inclúe máis de 30 longametraxes e varias ducias de curtas. As bandas sonoras de Caspervek combinan elementos da música clásica, do jazz, da electrónica, do folk ou da música contemporánea. Todo cun obxectivo: achegar o cine mudo a todos os públicos.

Igual que o resto de espectáculos de Híbridas en Santa Clara, todas as actuacións incluídas dentro de Música Sen Palabras non requirirán de reserva de praza  previa nin do pago de entrada algunha; a entrada será libre até completar o foro, preto de 150 cadeiras.

Así, a antiga igrexa de Santa Clara acollerá as seguintes proxeccións coas súas respectivas actuacións musicais ao vivo: "Nanuk, O Esquimó", o martes 19 de abril ás 20 horas; "O Maquinista da General", o mércores 20 de abril ás 20 horas; e "Amencer", o xoves 21 de abril ás 20 horas.

"O primeiro que atopará a xente serán tres pezas mestras, tres longametraxes representativas do cine mudo dos anos 20, atendendo a distintos xéneros, como pode ser o documental, a comedia ou, no caso de Amencer, a considerada unha das maiores películas do cinema mudo e da historia do propio medio. No plano musical, vivirá un proxecto que actualiza os códigos deste tipo de cinema ao darlles unha pátina máis actual e moderna co obxectivo de achegar o cinema mudo e a súa linguaxe até o público máis amplo posíbel", explica Brais González, creador de Caspervek.

O pianista vigués lembra que este tipo de cinema-concerto causa unha enorme curiosidade entre o público asistente, moitas veces é a primeira actuación deste tipo que viven, e que aconsella "mirar primeiro para a película e logo para os músicos. Hai dous planos a nivel escénico, pero a protagonista é a película, a música é a que busca acompañala e crear unha simbiose entre ambos os dous planos. É curioso, porque o público, por exemplo, no caso das comedidas tamén pode formar parte dese espectáculo a través das risas e as gargalladas, o que crea un feedback moi interesante. Desde logo, non é o mesmo que velo na casa", remata.