O ciclo "Contrariadas" presenta a Martirio e Mónica de Nut no segundo concerto do ano

Pontevedra
07 de febreiro 2019

O ciclo "Contrariadas", dará lugar ao segundo concerto do ciclo anual no significativo mes de marzo coas actuacións de Martirio e Mónica de Nut, presentando "Antología" e "Raíces Aéreas" respectivamente.

Martirio, 30 anos de traxectoria
Martirio, 30 anos de traxectoria

O ciclo "Contrariadas", cuxa finalidade é a visibilización de mulleres que a miúdo reciben o calificativo de "espíritos da contradición" por non recibir o de feministas, dará lugar ao segundo concerto do ciclo anual no significativo mes de marzo.

Despois do éxito recibido cos concertos de Wöyza e Nathy Peluso en xaneiro, a iniciativa pretende continuar na mesma liña coas actuacións de Martirio e Mónica de Nut, presentando "Antología" e "Raíces Aéreas" respectivamente. 

A andaluza Martirio, á vez nome e personaxe, foi unha das intérpretes máis orixinais do panorama musical dos 80. A súa música é unha ponte entre culturas e fusiona, entre outros, estilos musicais como o flamenco, o jazz, o tango e o rock. A súa imaxe, á vez rompedora e "contrariada" é outro elemento clave na súa figura, mesturando as súas características gafas de sol coa estética flamenca clásica e converténdose así nun icono do espírito feminista.

Conta cunha extensa traxectoria, sendo recoñecida tanto polo público como pola crítica. En novembro de 2016 foi galardonada co "Premio Nacional de las Músicas Actuales", recoñecendo o xurado a súa aproximación ás músicas populares e a súa visibilización para as novas xeracións, así como a "súa coraxe e a libertade coa que traballa,levando a súa actitude transgresora dende a súa imaxe ata a súa música".

É tamén representativa de Mónica de Nut, viguesa, a mestura de estilos musicais, que van dende a ópera e o canto tradicional galego, á música experimental e a improvisación. Nas súas actuacións, a performance, o humor e o vestiario cobran papeis protagonistas, converténdose nun espectáculo que abarca moito máis alá do ámbito musical. Interpretará, nesta ocasión, o seu álbum "Raíces Aéreas", que recolle grabacións dos cantos de mulleres dos anos 50 e rompe, mediante a súa reinterpretación, o concepto de música ancestral.

A xornada adianta ser todo unha oda ao feminismo, exemplificado en dúas figuras cunha longa traxectoria vital e musical. Ademáis, engádese como novidade unha actuación conxunta, na que as intérpretes aunarán as súas cualidades no escenario para deleite do público.

Os concertos terán lugar o domingo 3 de marzo, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. O prezo das entradas será de 18 euros, reducíndose a 15 euros con Carné Xove, e estarán dispoñibles a partir de hoxe na Casa da Luz, así como en taquilla no mesmo día.