O Certame Francisco Asorey converte Cambados na capital galega da escultura

O Salnés
28 de marzo 2014

Nace con vocación de perdurar e está dotado con 6.000 euros

Presentación do Certame Francisco Asorey
Presentación do Certame Francisco Asorey / Concello de Cambados

O primeiro Certame de Escultura Francisco Asorey se convoca para todos os artistas menores de 30 anos, galegos ou que teñan a súa residencia en Galicia.

No acto de presentación do certame, celebrado nos xardíns da Casa dos Fraga, estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, a presidenta da asociación Francisco Asorey, Carmen Asorey, o presidente de honra da mesma, José Manuel Asorey, o director do museo de Pontevedra, Carlos Valle, o escultor Manolo Paz, e o vicerrector de Cultura da Universidade de Santiago, Francisco Durán. Todos coincidiron no interese deste certame como plataforma onde descubrir e dar a coñecer a novos valores da escultura galega.

Este primeiro certame de escultura constará dun primeiro premio de 6.000 euros, e mais dous accésits, ós que poderán optar obras de tema libre, inéditas, orixinais e non presentadas a ningún outro certame, mostra, exposición ou exhibición pública de ningún tipo.

O prazo de presentación de orixinais xa está aberto e remata o 15 de xuño, e o fallo do xurado darase a coñecer o día 2 de xullo en Cambados.