Coa decisión adoptada polo goberno local de Marín avánzase nun proxecto que estaba paralizado e poderá poñerse en marcha, por parte da Xunta, a mellora no tratamento dos petroglifos, unha das xoias do patrimonio arqueolóxico e cultural da vila. Permite, ademais, potenciar a contorna dende un punto de vista turístico.
O proxecto xurdira dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Marín e trátase dunha pequena edificación que se sitúa no acceso dos petroglifos á cota da estrada da praia, apoiándose no trazado do muro existente. O proxecto de rehabilitación da ladeira remóntase ao ano 2001.
A cantidade das obras realizadas ascende polo convenio a máis de 203 mil euros, cunha partida de máis de 9 mil euros destinada á dirección da execución das obras e coordinación de seguridade e saúde.