O Centro de Emprendemento do Gaiás preséntase no Culturgal cos premios Sixto Seco na procura de proxectos innovadores

Pontevedra
30 de novembro 2018

A xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentaba na Feira das industrias culturais que se desenvolve esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, acompañada por unha das gañadoras desta última edición, unha artesá que fabrica boinas galegas

Presentación dos Premios Emprende Gaiás - Sixto Seco no Culturgal
Presentación dos Premios Emprende Gaiás - Sixto Seco no Culturgal / Mónica Patxot
Ana Isabel Vázquez asiste a Culturgal e invita a que a xente innovadora se acerque al Centro de Emprendemento do Gaiás /

Este venres 30 de novembro o Centro de Emprendemento da Cidade da Culturaachegábase ata o Culturgal para dar a coñecer o seu programa de apoio ao emprendemento, e en especial os Premios Emprende Gaiás-Sixto Secoque veñen de celebrar a súa sexta edición co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do Igape.

A presentación desenvolvíase no Espazo Foro do Culturgal e contaba coa presenza da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo; da responsable do CEM, Berta Álvarez-Buylla Falces e dunha das emprendedoras recoñecida nos galardóns ao emprendemento cultural e creativo do CEM, Sandra Vilas, creadora de Boina Galega, un elemento téxtil que non se fabricaba en Galicia. A creadora explicou o proceso de elaboración e como a peza está a converterse nun elemento que se utiliza tamén en vodas e actos sociais.

Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco están consolidados como unha das apostas estratéxicas da Cidade da Cultura para favorecer a creación de novas empresas e de emprego no sector das industrias culturais e creativas de Galicia. Desde a súa primeira convocatoria, no ano 2013, presentáronse a estes premios arredor de 120 proxectos e ideas emprendedoras. Moitos deles mantéñense, a día de hoxe, como empresas cunha traxectoria consolidada, grazas ao apoio que se aporta desde o Centro de Emprendemento.

Impulsados pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, os galardóns apostan polos emprendedores e emprendedoras galegos desde que dan os seus primeiros pasos, nun apoio que se materializa non só na achega económica que supoñen estes premios, senón tamén en acompañalos no seu camiño coa guía e o asesoramento de expertos que poñen o seu coñecemento e experiencia ao seu servizo, como sinalaba a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, que invita a todas aquelas persoas que teñan ideas innovadoras a presentar os proxectos no CEM.

Este sábado 1 de decembro, ás 12.00 horas a Cidade da Cultura de Galicia presentará o obradoiro Cidade de Nadal para escolares a partir de 4 anos. No Culturgal vai amosarse unha pequena mostra dun dos obradoiros que se levará a cabo en Santiago de Compostela durante as vindeiras semanas. Trátase da creación de adornos para as festas con elementos naturais como froitas e froitos secos.

Arquivado en