A exposición itinerante "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino" será inaugurada no Centro Cultural e Turístico "Antonio Fraguas" de Carballedo o vindeiro mércores 8 de xuño ás 17 horas, no transcurso dun acto que contará coa presenza do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a directora da Cátedra Iberoamericanda da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Cadaval Sampedro.
Esta exposición contará coa visita guiada a cargo de María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, mentres que Carmen Villarino, doutora en Filoloxía Galega e Portuguesa pola USC, rendirá homenaxe á figura da escritora galego-brasileira Nélida Piñón, con fondas raíces na parroquia de Borela.
A mostra presenta a historia de trece mulleres da talla de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez, para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión.
A través de catro cubos pódese profundar na súa traxectoria vital, observar fotografías e coñecer o papel fundamental e imprescindible que xogaron todas elas na historia da emigración.
Tras o seu paso por Pontevedra e Silleda, a mostra chega agora ao concello de Cerdedo-Cotobade e seguirá por Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela, onde se organizarán tamén conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con cada localidade.