O CEIP Carballal de Marín leva o Premio do Público do XV Salón do Libro

Pontevedra
11 de abril 2014

Logo de contabilizar unha totalidade de 1.280 votos, depositados nunha furna pechada, o CEIP Carballal fíxose co premio e os centros CEIP A Xunqueira 1 de Pontevedra e o Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas foron o segundo e terceiro clasificados, respectivamente

Obradoiro de decoración de galletas con 'Megatoxos' de Anxo Fariña no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2014
Obradoiro de decoración de galletas con 'Megatoxos' de Anxo Fariña no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2014 / Mónica Patxot

Os asistentes ao XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra outorgaron o Premio do Público ao traballo dos alumnos do CEIP Carballal de Marín, ao votalo entre os 36 centros escolares de Infantil, Primaria e Secundaria que se implicaron como colaboradores nesta edición.

Logo de contabilizar unha totalidade de 1.280 votos, depositados nunha furna pechada, o CEIP Carballal fíxose co premio e os centros CEIP A Xunqueira 1 de Pontevedra e o Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas foron o segundo e terceiro clasificados, respectivamente. 

O Premio do Público, instaurado nesta edición  2014, que tivo o lema 'Cociñando Contos', ten o afán de escoller o traballo máis popular de entre todos os realizados polos nenos e darlle voz ás opinións das preto de 30.000 persoas que visitaron o Salón ao longo de tres semanas. Ademais do recoñecemento público, os gañadores terán un lugar destacado para o traballo do centro na vindeira edición.

O traballo do CEIP Carballal, feito con cartón,  plastilina  e outros materiais, representaba unha cociniña á que non lle faltaba detalle. O CEIP A Xunqueira 1 presentou unha alacena de cartón pedra moi realista, pintada de turquesa e con certo aire vintage na que se atopaban tarros con ingredientes para cociñar contos e un inmenso bocadillo de historias. Os alumnos do Manuel Cordo Boullosa crearon unha cociña de ferro na que se cociñaban historias nunha enorme perola onde fervían as letras.

Todos os centros recibiron votos por parte do público visitante, co que se pon en valor o traballo dos diferentes centros de ensino, aos que a organización do Salón do Libro agradece a implicación e o esforzo realizado por alumnos e profesores durante meses. Nesta edición colaboraron colexios de Pontevedra, Marín, Cambados, Vigo, Poio e Ponte Caldelas.