As ilustracións, peza fundamental na literatura infantil e xuvenil, cobran relevancia por si mesmas no calendario do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que aspira a converterse nun escaparate do mellor da produción desta disciplina neste país e a nivel internacional.
O calendario, do que se editaron 2.000 exemplares, presentouse este xoves na Deputación Provincial coa presenza da concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; e tres ilustradoras que resultaron finalistas do Premio Internacional de Ilustración convocado polo Salón do Libro e cuxas obras forman parte desta publicación.
A portada do calendario é a obra gañadora dese concurso internacional, un cartel da artista de Estonia Tiiu Kitsik que ilustrará a vixésima edición do Salón. Outras doce ilustracións finalistas do concurso foron elixidas para cada mes do ano, entre elas as de Meli Molita, Susana Suniaga e Sarai Lorenzo, graduadas e estudantes de doutoramento da facultade de Belas Artes de Pontevedra que entregaron para este concurso a súa particular visión da revolución -temática do XX Salón do Libro-.
A ilustración de Meli Molita, elixida para setembro, reflicte a importancia da "revolución interior". A obra de Sarai Lorenzo, en novembro, reflicte como hoxe en día ler un libro en papel supón unha auténtica revolución, nun mundo no que todos consultan as pantallas. O calendario péchao en decembro Susana Suniaga, que reflicte que "a mellor forma de revolucionar é a través do coñecemento e a lectura".
Os calendarios distribuiranos a Deputación e o Concello e poderán recollerse, ata fin de existencias, na caseta da administración local pontevedresa no Culturgal.
Carmen Fouces eloxiou a altísima calidade das obras presentada a este concurso e as que ilustran o calendario e destacou que existe unha alta participación feminina e da facultade de Belas Artes entre os 115 traballos chegados de 25 países. Xosé Leal, pola súa banda, insistiu en que literatura e ilustración son "unha maridaxe necesaria".