A cuarta edición do premio de banda deseñada O Garaxe Hermético xa ten gañador. Trátase do cómic 'O caderno en rama', de Ánxel Carramal Fernández (Pontevedra, 1994), que trata sobre a guerra dende o punto de vista dun neno que, ante a barbarie e a destrución, atopa na creatividade e no debuxo o seu maior aliado.
O xurado, composto por Kiko da Silva, Fernando Llorente e Miguel Porto, en representación do Garaxe Hermético, e por Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, valorou a composición de páxina, dinámica e expresiva, así como o uso da narrativa da cor e as escenas de compoñente lírica e poética, onde se acentúa o carácter atemporal acentuado polo protagonista, un neno sen nome que podería ser calquera.
Os integrantes do xurado valoraron a alta calidade dos traballos presentados, moi especialmente a dos outros dous cómics que resultaron finalistas: 'Os vagalumes de Mari' e 'Maia e a troita perlada'. 'O caderno en rama', o gañador, será publicado por Xerais no mes de maio de 2023.
Este premio é un recoñecemento que convoca anualmente Xerais e a escola profesional que dá nome ao certame. Ánxel Carramal, gañador desta edición, admitiu ser amante do cómic "dende que teño uso de razón".
Tras anos de dúbidas e un grao en Psicoloxía, inscribiuse na escola O Garaxe Hermético para formarse como autor de banda deseñada gañando, polo momento, varios premios. Entre eles están o Concurso de Cómic de Pontevedra, o premio ao mellor guión do Concurso de Cómic Ciutat de Cornellà ou o Concurso Cíes Talent. Tamén quedou finalista na Bienal Terras Gauda e recibiu unha mención de honra nos premios Xuventude Crea de 2021.