O Ben Veñas Maio pecha un mes de creatividade escolar co seu certame de música

Pontevedra
14 de maio 2017

Sofía Cortés, alumna do IES Sánchez Cantón, foi elixida polo xurado como a gañadora do concurso de música co que o certame Ben Veñas Maio pechou un mes enteiro poñendo en valor a creatividade escolar dos estudantes dos centros educativos de Pontevedra

Sofía Cortés do IES Sánchez Cantón, gañadora do Ben Veñas Maio 2017
Sofía Cortés do IES Sánchez Cantón, gañadora do Ben Veñas Maio 2017 / Alba Sotelo

Sofía Cortés, alumna do IES Sánchez Cantón, foi elixida polo xurado como a gañadora do concurso de música co que o certame Ben Veñas Maio pechou un mes enteiro poñendo en valor a creatividade escolar dos estudantes dos centros educativos de Pontevedra.

Coa súa actuación no concurso, celebrado este sábado no auditorio do Pazo da Cultura, logrou un premio de 400 euros.

O segundo premio foi para a banda Zippo, formado por Desirée da Silva Martínez e Elena Corbillón Cabrera (IES Valle Inclán), Juan Martín Ragg Lucero (IES Ponte Caldelas) e Iñaqui Amatria Barral (IES Frei Martín Sarmiento); e o terceiro para Faísca, dúo composto por Sara Rodríguez Pastoriza e Rubén Beiro Rodríguez (IES A Xunqueira II).

No concurso participaron tamén as bandas Nowheremen e Rave, máis o artista Yeray, alumno do IES Sánchez Cantón.

Ademais, o certame deu tamén a coñecer os gañadores dos respectivos concursos de banda deseñada, fotografía, curtametraxe, poesía e narrativa.

Banda deseñada: Linguas, de María Rey Noya de IES A Xunqueira I
Curtametraxes: Unha soa decisión, de Ana Fernández Arruti López do IES Sánchez Cantón.
Fotografía: Unicornio azul, de María Paz Paz do IES A Xunqueira I
Poesía: A araña, de Paula Domínguez Barreiro do IES Valle Inclán e Altea, de Noemia Veiga Gonçalves do IES Torrente Ballester
Narrativa: O diario de Jack, de Alba Fernández Blanco do IES Sánchez Cantón 

O programa Ben Veñas Maio está dirixido a promover o uso da lingua na mocidade de Pontevedra a través do impulso da creatividade.

Xunto con estes concursos, celebrouse tamén a Semana Teatral durante a que se representaron as obras nas que estiveron a traballar os grupos de teatro dos centros de ensino.

Durante toda a semana, o Teatro Principal acolleu as representacións de O meu baúl azul, do Grupo Skene (IES Valle Inclán); As aventuras do pequeno Quixote, do grupo teatro Fiúncho (IES Luís Seoane); As asembleístas, do grupo de teatro Os Autorizados (IES Torrente Ballester); e Unha rosa é unha rosa, do grupo de teatro do IES Sánchez Cantón.