O Ballet Nacional Ruso visitará Pontevedra durante o mes de decembro. Así, a compañía representará O Crebanoces, de Tchaikovsky, o día 12 de decembro no Auditorio da Sede Afundación ás 20.30 horas.
O quebranoces é un ballet de dous actos con coreografía orixinal de Marius Petipa e Lev Ivanov composto por Piotr Ilyich Tchaikovsky. O libreto é unha adaptación do conto de Hoffmann O quebranoces e o Rei Rato. Estreouse no Teatro Mariinsky de San Petersburgo, o 18 de decembro de 1892, en sesión dobre coa ópera de Tchaikovsky, Iolanta.
O Ballet Nacional Ruso foi fundado en 1989, cando o solista do Teatro Bolshoi de Moscova, Sergei Radchenko, tenta realizar a súa visión dunha compañía que reunise os elementos máis clásicos das grandes compañías de Ballet Kirov e Bolshoi nunha nova compañía de ballet independente dentro do marco do ballet clásico ruso. Os principais bailaríns de toda Rusia forxan, baixo a dirección de Radchenko, unha emocionante compañía poñendo en escena novas producións de clásicos atemporais como Giselle, Don Quixote, Paquita e Carmen.
Desde os seus inicios, o Ballet Nacional Ruso completou numerosas xiras por Europa, con extraordinarias recepcións en Italia, Francia, España, Alemaña, os Países Baixos ou Reino Unido. A compañía realiza, ademais, xiras por todo o mundo, destacando as realizadas con grande éxito por Turquía (no Festival de Istambul), Xapón, Corea, Singapur e Hong Kong.
Baixo a dirección de Sergei Radchenko, o Russian National Ballet continúa ampliando o seu repertorio. Ademais da posta en marcha de novos traballos tanto en Rusia como no estranxeiro, a compañía especialízase nos ballets máis complexos do século XX, como A cincenta, Romeo e Xulieta, A lenda do amor, Flor de pedra e A idade de ouro.
O Ballet Nacional Ruso percorre de costa a costa os EE.UU. todas as tempadas nunha longa xira mostrando o seu amplo de repertorio nas máis importantes salas e teatros do país.