De Vigo ata Porto con música en directo e degustacións de produtos gastronómicos das Rías Baixas. Esa é a proposta que fai Atlántico Express, un tren que unirá ambas as dúas cidades este sábado 4 de xuño para dar a coñecer o destino turístico da provincia de Pontevedra e os festivais musicais que se celebrarán durante este verán en sete localidades.
A presentación desta iniciativa turística celebrouse este luns na estación de ADIF Vigo-Guixar, de onde sairá o sábado este tren con destino a Porto.
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, explicou que esta acción consistirá nunha viaxe en tren ata Porto desde Vigo, con saída ás 9.05 do sábado, amenizada musicalmente por Best Boy e con degustacións gastronómicas.
Xa na cidade portuguesa, terá lugar un acto de promoción, con música en directo e degustación de produto galego, ante xornalistas e touroperadores lusos para dar a coñecer o destino Rías Baixas e os festivais que agrupan baixo a marca Festivais Rías Baixas.
A viaxe de volta desde Porto terá lugar ás 19:00 horas tamén con música en directo, neste caso de Glockenwise e Su Garrido Pombo, e degustación de produtos a bordo do tren.
Carmela Silva destacou que "se trata dun evento diferente, co obxectivo de unir dúas ribeiras do río Miño e sumar sinerxías con citas importantes de Portugal como Mihoes Fest, Amplifest e Serralves", polo que convidou a que a cidadanía se sume á iniciativa reservando prazas en www.renfe.com.
Neste contexto, a presidenta da Deputación engadiu que "queremos que os nosos visitantes se sintan atraídos pola nosa vitalidade e autenticidade e por iso sairemos de viaxe en tren o vindeiro sábado para presentar o noso destino ante turoperadores e xornalistas e darlles a coñecer os sete mellores festivais de música do noso país".
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén celebrou a "brillante idea" que converte ao transporte público, en concreto ao ferrocarril, en cultura, nunha forma de achegar territorios a través da música e recordou que "hai trinta anos tamén aconteceu algo similar a través do ferrocarril entre Vigo e Madrid coa movida".
Pola súa banda, Julio Gómez -como portavoz dos sete festivais da provincia- subliñou que España e Portugal están a ocupar un lugar moi destacado no mundo dos festivais polo que esta actuación é unha oportunidade de promover os Festivais Rías Baixas da man dos principais festivais portugueses e dos Museos Serralves de Porto e o MARCO de Vigo.
Festivais Rías Baixas é, segundo indicou Gómez, "unha das ofertas máis completas de Galicia e pioneira a nivel nacional, ao ofertar un paquete turístico equilibrado de ocio e cultura moi vinculado ó territorio".
Os sete Festivais Rías Baixas presentan unha ampla variedade de estilos musicais para todos os públicos, mesturando, por exemplo, o universo europeo co iberoamericano e engadindo experiencias turísticas e gastronómicas, demostracións de cultura urbana e deportes de acción, así como impulsando grupos musicais emerxentes e actuacións de artistas nacionais e internacionais consagrados.
A iniciativa Festivais Rías Baixas está integrada polos eventos musicais Cultura Quente (24 e 25 de xuño, Caldas de Reis), Atlantic Fest (1 a 3 de xullo, A Illa de Arousa), PortAmérica (15 e 16 de xullo, Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (22 a 24 de xullo, Redondela), SonRías (4 a 6 de agosto, Bueu), O Marisquiño (12 a 14 de agosto, Vigo) e Revenidas (19 a 21 de agosto, Vilagarcía de Arousa).