O Arquivo Provincial mostra as imaxes antigas de Pontevedra da colección de Roberto Taboada

Pontevedra
14 de decembro 2016

Co título "A cidade e as xentes. Pontevedra na colección Roberto Taboada" o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación inaugura no edificio do Arquivo este xoves 15 de decembro ás 20.00 horas unha mostra que estará aberta ata o 15 de xaneiro de 2017

Ponte da Barca
Ponte da Barca

Co título "A cidade e as xentes. Pontevedra na colección Roberto Taboada" o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación inaugura no edificio do Arquivo este xoves 15 de decembro ás 20.00 horas unha mostra que estará aberta ata o 15 de xaneiro de 2017.

A exposición, que se poderá verse luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas, recolle as imaxes máis representativas do arquivo gráfico do investigador e coleccionista pontevedrés, que se encadran entre finais do século XIX e principios do XX, e está dedicada á cidade como espazo físico e ás actividades cotiás e tamén recolle retratos das xentes que forman parte dela. Os textos do catálogo da mostra foron elaborados por M.ª Reis Camiña Castro e Cristina Echave Durán.

Ademais das fotografías, na exposición inclúense fotogravados, xilografías, álbumes e tarxetas postais, que en conxunto achegarán unha interesante visión da sociedade da época, amosando construcións que xa non existen coma a antiga Ponte da Barca, que foron modificadas desde o momento no que se obtivo a imaxe como as ruínas de San Domingos ou que estaban de estrea, como é o caso do edificio principal da Deputación Provincial, fotografado arredor de 1890.

O documento máis antigo é unha xilografía publicada o 20 de setembro de 1879 na revista “La Ilustración Gallega y Asturiana" na que se ve o barrio pontevedrés da Moureira. A fotografía de maior antigüidade forma parte da “Guía de Pontevedra" composta para a Exposición Rexional de 1880 e nela pode contemplarse a Casa do Concello. O primeiro álbum fotográfico incluído na mostra é de 1883, e recolle instantáneas de Francisco Zagala baixo o título “Recuerdo de Pontevedra".